O Observatorio celebra 10 anos de seguimento da inserción laboral dos antigos estudantes da UVigo

O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo está hoxe de 10º aniversario. A súa creación e posta en marcha tivo lugar a 3 de febreiro de 2016 por acordo da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social co obxectivo de facer un seguimento periódico da inserción laboral dos antigos estudantes. Seguidamente ese acordo sería ratificado polo Pleno do Consello Social de 29 de abril de 2016.

O Observatorio surxiu para superar unha materia pendente: até entón, a UVigo carecía dun sistemas estruturado e de procedementos que permitan medir e analizar a empregabilidade dos antigos estudantes que se formaron desde a creación da institución, no curso 1989/1990. Por iso, a primeira actividade consistiu en localizar e identificar ás persoas tituladas nos 25 primeiros anos da institución para saber como foi súa experiencia académica e profesional.

En todos estes anos o Observatorio consolidouse como un referente no seguimento da inserción laboral dos antigos estudantes

Obxectivos principais

Recompilar e analisar datos sobre inserción laboral: O Observatorio xera e difunde periodicamente informes transparentes sobre a empregabilidade dos antigos estudantes, avaliando como a formación universitaria se aliña coas demandas do mercado de traballo. Iso inclúe opinións dos egresados sobre a súa satisfacción coa experiencia académica na UVigo.

Manter o vínculo co antigo alumnado: Localizar e fidelizar egresados/as espallados polo mundo (de case 70 países), creando unha Base de Dados de Persoas Tituladas actualizada periodicamente. Até 2025 conta con 25.458 persoas tituladas rexistradas, sendo a maior base de datos destas características nunha universidade galega.

Actividades

Ao longo desta década o cumprimento dos principais obxectivos do Observatorio requiriu, co apoio e colaboración do Consello Social, a execución das seguintes liñas de actividades:

Seguimento periódico da inserción laboral

Realizáronse 14 estudos de seguimento da empregabilidade e satisfacción das persoas tituladas cos estudos oficiais da UVigo agrupados 4 categorías:

  • Estudos oficiais de grao: 4 informes (período 2018-2022)
  • Estudos oficiais de mestrado: 4 informes (período 2018-2022)
  • Estudos oficiais de grao e mestrado combinados: 4 informes (período 2018-2022)
  • Programas de doutoramento: 2 informes (período 2020-2022)

Iniciativas especiais

  • Inserción laboral 25 anos: En 2018 publicouse o primeiro macroestudo, pioneiro no sistema universitario galego e español, sobre a situación profesional das persoas tituladas da UVigo entre os anos 1990 e 2015, que analizou a empregabilidade das primeiras 25 promocións de egresados e a adecuación da formación adquirida ao emprego.

A partir deste estudo, en 2020 foi publicado o informe “100 titulacións da UVigo (1990-2015)” sobre a especialización profesional e a formación complementaria que precisaron as persoas egresadas da UVigo.

  • Impacto laboral da pandemia: Durante o grande confinamento da primeira onda da pandemia de Covid-19, recompiláronse relatos de 55 egresados sobre a vivencia da crise nos seus países de destino, creando un Corpo Diplomático informal da UVigo, destacando a importancia de manter o contacto. Seguidamente, entre os anos 2020 e 2022, foron realizados tres estudos de seguimento do impacto laboral pandemia no grande confinamento, a segunda onda e durante o ano 2021.
  • Inserción laboral 25 anos de doutores/as: Estudo da empregabilidade de todas as persoas tituladas en estudos de doutoramento no período histórico 1995-2020 representativo desde as primeiras promocións até o curso académico 2019/2020. O informe, pioneiro polas súas características, inclúe datos e valoracións tanto da inserción laboral como da satisfacción dos doutores/as cos estudos de doutoramento e a formación recibida, estando dispoñibles de forma institucional como desagregada por programa de doutoramento.

Unha universidade próxima preocúpase pola empregabilidade dos seus egresados/as e polo seu papel social

Utilidade institucional

A disposición de información sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos de grao e mestrado permite que a UVigo poda:

  • Participar con información actualizada sobre empregabilidade nas novas edicións das clasificacións (rankings) universitarios nacionais e internacionais
  • Actualizar a información do apartado sobre inserción laboral e empregabilidade do Portal de Transparencia
  • Publicar información actualizada sobre inserción laboral nos Informes Anuais de Calidade dos centros
  • Participar en procesos de acreditación da ACSUG (campus de especialización, centros e/ou titulacións)
  • Achegar á Xerencia indicadores de emprego actualizados (desagregados por centros) para o Contrato Programa de Centros de distribución de fondos nun financiamento por resultados
  • Contribuír á melloría do posicionamento institucional nos rankings universitarios

A disposición de información sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos de doutoramento permite que a UVigo poda:

  • Cumprir a exixencia da ACSUG relativa ao seguimento periódico da empregabilidade e da satisfacción dos doutores/as cos programas de doutoramento
  • Participar con datos actualizados en rankings universitarios (nomeadamente no ARWU-Shanghay)

Os estudos de inserción laboral do Observatorio son unha fonte de información institucional propia que apoian decisións de mellora da calidade: propostas de accións para títulos, avaliación de perfís de egreso, actualización de planos de estudo e elaboración de memorias de verificación ou modificación de titulacións oficiais.

Comunicación externa

En xullo de 2019, co apoio da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, foi lanzado o Portal Web do Observatorio como canal de comunicación cos antigos estudantes para aplicar as enquisas de seguimento de inserción laboral e satisfacción cos estudos realizados, actualizar a nosa Base de Datos, divulgar novas e eventos e publicar os informes de inserción laboral realizados.

Nesa altura tamén foi lanzada a Páxina de LinkedIn do Observatorio, unha ferramenta que actualizamos diariamente e na que, alén de divulgar os resultados dos estudos que realizamos, damos conta das noticias e eventos de interese para os antigos estudantes. En crecemento constante, na actualidade conta con 4892 seguidores.

Desde xaneiro de 2020 o Observatorio conta cun Canal de YouTube de grande utilidade para promover tanto a participación nas enquisas como a divulgación dos resultados dos estudos que realizamos.

As actividades do Observatorio non ficaron dentro do ámbito da universidade, pois nestes dez anos alcanzaron unha cobertura mediática significativa de 120 aparicións en órganos de comunicación social on-line e off-line.

Realizacións

Desde o ano 2022 o Observatorio coordina a recolla de información sobre a empregabilidade e satisfacción das persoas tituladas nos programas de doutoramento da UVigo en colaboración coa EIDO (Escola Internacional de Doutoramento da UVigo), a Área de Calidade, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. A metodoloxía de recolla da información, a frecuencia coa que se levan a cabo e outros aspectos técnicos están definidos na Ficha técnica da actividade, aprobada pola Comisión de Calidade da Eido. Desde entón realizamos os estudos de inserción laboral das promocións 2020/2021 (ano 2023) e 2021/2022 (2024). No ano 2026 temos previsto a realización do estudo do curso 2022/2023.

Grazas á aposta do Consello Social en analisar a empregabilidade dos antigos estudantes, a UVigo, a través do Observatorio, é a única universidade galega que conta con datos sobre a emigración e mobilidade xeográfica dos seus egresados. Isto foi destacado polo Foro Económico de Galicia  que, no seu estudo sobre a fuga de talento, constatou que éramos a única a contar con esa información a partir dos traballos realizados polo Observatorio.

O Observatorio representa un compromiso da UVigo -a través do seu Consello Social- coa transparencia e o seguimento continuado aos seus antigos estudantes, axudando a fortalecer a reputación da universidade como formadora aliñada ao mundo profesional de cara á excelencia

Para conmemorar o noso 10º aniversario estreamos dous vídeos que recollen todos os informes de inserción laboral realizados e unha galería de imaxes que testemuña os principais eventos decorridos ao longo desta andaina:

Informes de Inserción Laboral Galería de Fotografías

 

Actualidade

O vindeiro 10 de febreiro presentamos publicamente os resultados do informe sobre a inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre 1990 e 2024. O evento terá lugar ás 11:30h na sala de prensa do Edificio Redeiras do Campus de Vigo e será aberto á comunidade universitaria e ao público en xeral. Participarán o reitor Manuel Reigosa Roger, o presidente do Consello Social Ernesto Pedrosa Silva, o director do Observatorio Luis Espada Recarey e o seu analista de datos, Víctor Manuel Martínez Cacharrón.

O estudo, realizado durante o ano 2025, aborda a empregabilidade das 35 promocións de antigos estudantes en toda a historia da UVigo, abranxendo o período entre os cursos 1989/1990 e 2023/2024. O traballo, que representa unha actualización do publicado en 2018, incorpora unha análise comparativa co contexto profesional, empresarial e territorial a nivel galego, español e europeo. Os principais resultados xa foron expostos perante a Comisión Executiva (16/10/2025) e o Pleno (25/11/2025) do Consello Social.