71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015
71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica

Este informe foi concibido inicialmente como a primeira parte doutro máis amplo no que se aborda a situación laboral dos titulados/as da Universidade de Vigo entre os cursos 1989/90 e 2014/15. Porén, considerouse apropiado levar a cabo e publicar dous estudos separados e relacionados entre si. Un reflectiría a casuística das persoas tituladas no momento de acabar os estudos (libro verde) e no outro daríase a coñecer a situación profesional despois de recibir o seu título académico (libro vermello).

O estudo mostra o número de persoas tituladas e de títulos emitidos pola Universidade de Vigo desde a súa creación no curso 1989/90 ata o curso 2014/15. Nel inclúese unha análise completa por ramas académicas, ciclos de estudo e xénero, así como a evolución e o ciclo de vida da oferta académica, ademais de indicar o lugar de orixe dos titulados/as e as principais titulacións realizadas polo alumando galego e de fóra de Galicia.

 

Resultados globais

Nos seus primeiros 25 anos a Universidade de Vigo emitiu 83 330 títulos a 71 487 persoas, a maioría delas mulleres (61 %) contra o 39 % de homes.

Estas dúas cifras globais non concordan debido a que un total de 9770 persoas (o 14 % do total) completaron varias titulacións, de maneira que a proporción entre títulos emitidos e persoas tituladas sexa de 1,150 (1,162 para homes e 1,146 para mulleres).

O número de persoas tituladas por quinquenios experimentou unha tendencia xeral crecente: pasou das máis de 7500 no período 1989/90-1994/95 ás máis de 17500 entre 2010/11-2014/15.

Evolución quinquenal do número de persoas tituladas

O número de títulos emitidos tamén experimentou un crecemento espectacular; pasou dos 7950 do período 1989/90-1994/95 ata chegar aos máis de 20 800 entre 2010/11-2014/15.

Evolución quinquenal do número de títulos emitidos

 

Ámbitos académicos

A maior parte dos títulos emitidos entre 1990-2015 corresponden ao ámbito xurídico-social (53 %), seguido polo tecnolóxico (23 %), artes e humanidades (8 %), ciencias da saúde (7 %) e científico (6 %).

A presenza feminina é maioritaria en todas as ramas do coñecemento, excepto na tecnolóxica, onde os homes representan o 71 %. O predominio feminino fica patente nos ámbitos das ciencias da saúde (84 %), artes e humanidades (76 %), xurídico-social (69 %) e científico (66 %).

 

Lugar de procedencia

Só o 0,6 % do estudantado que finalizou os seus estudos na Universidade de Vigo procede de países estranxeiros. O 99,4 % tiña a súa residencia nas diversas comunidades autónomas do Estado español, de Galicia precedía case o 97 % deles e, en concreto o 83 % das provincias de Ourense e Pontevedra (onde están radicados os tres campus). Por municipios, un 50 % das persoas tituladas procede dos de Vigo (31 %), Ourense (13 %) e Pontevedra (6 %), cidades onde están radicadas as sedes dos tres campus.

As principais titulacións completadas polo estudantado galego foron a Diplomatura en Ciencias Empresariais, a Diplomatura en Enfermaría, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación, mentres que no caso do alumnado procedente de fóra de Galicia destacan o estudos de Enxeñaría de Telecomunicación, Ciencias do Mar, Enxeñaría Industrial e Belas Artes.

 

Oferta académica

No período avaliado, a oferta académica da UVigo pasou de 9 titulacións no curso 1989/90 (dúas licenciaturas completas, dúas enxeñarías superiores, catro diplomaturas, unha enxeñaría técnica industrial, así como o primeiro curso dunha licenciatura e os primeiros ciclos de sete licenciaturas) a un total de 112 no curso 2014/15.

No derradeiro quinquenio da análise (2011-15) completouse o proceso de adaptación da oferta académica ao Espazo Europeo de Educación Superior (Reforma de Boloña) coa incorporación de 70 novas titulacións, que se sumaron ás xa existentes.

Os primeiros másteres implántase na oferta académica da UVigo no curso 2005-06 e os títulos propios no curso 2004-05. Ao longo dos 25 anos de existencia da UVigo impartíronse un total de 253 títulos. Nunca na historia da universidade houbo cambios tan profundos.

 

Tipoloxía de estudos

A diplomatura é a tipoloxía maioritaria entre os anos 1990 ao 2005, cun 35 % dos títulos emitidos, seguida polas licenciaturas (27 %), mestrados (10 %), enxeñarías técnicas (10 %), enxeñarías superiores (9 %) e graos (7 %).

Mentres que os estudos de diplomatura foron diminuíndo de xeito progresivo, os títulos emitidos nas enxeñarías superiores foi en aumento. Os graos pasaron de ser o 3 % no curso 2009-2010 ao 53 % no 2014-2015.

As titulacións de ciclo curto (diplomaturas e enxeñarías técnicas) abarcan o 45 % dos títulos emitidos contra o 43 % de ciclo longo (licenciaturas e enxeñarías superiores).

Obsérvase que os estudos de diplomatura foron diminuíndo progresivamente desde o quinquenio 1990-95 (64 %) ata o 2010-15 (9 %). Polo contrario, os títulos emitidos nas enxeñarías superiores aumentaron desde o 5 % ata o 8 % no mesmo período, ata acada un máximo do 13 % no quinquenio 2005-10.

Evolución anual dos títulos emitidos por tipoloxía de estudos

Polo número de títulos emitidos, entre os de ciclo curto destacan as diplomaturas de Maxisterio (14 %), Ciencias Empresariais (8 %), Enxeñaría Técnica Industrial (6%) e Enfermaría (5 %). No ciclo longo destacan a Licenciatura en ADE (5 %), Enxeñaría Industrial (4 %) e Enxeñaría de Telecomunicación e Economía (3 % ambas), Dereito e Bioloxía (2 % ambas).

Titulacións con máis títulos emitidos (1990-2015)