Este estudo, realizado polo Observatorio de Persoas tituladas coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, ten por obxectivo avaliar o impacto laboral da segunda onda da pandemia de COVID-19 nas persoas tituladas da UVigo; isto é, entre os meses de setembro e decembro de 2021.
O traballo de campo realizouse entre os días 27 de xaneiro e 5 de abril de 2021 e nel participaron 2283 persoas tituladas de todas as promocións e titulacións que responderon unha enquisa aloxada na web do Observatorio e que foi tamén encamiñada a todos os contactos existentes da nosa Base de Datos.
Este estudo, como o anterior, aborda o impacto da actual crise por COVID-19 desde tres perspectivas:
- Sanitaria: Porcentaxe de contaxios no ámbito laboral
- Laboral: Incidencia na taxa de ocupación e de desemprego
- Modo de traballo: Modalidade de traballo (remoto ou presencial) adoptado polas empresas/entidades para continuar a súa actividade
De forma particular, as persoas inquiridas neste estudo avaliaron a implementación do teletraballo, referindo as súas vantaxes, inconvenientes e preferencias.
Resumo do informe
Impacto sanitario
A porcentaxe de persoas tituladas da UVigo que referiu a existencia dalgún contaxio por Covid-19 no seu ambiente de traballo foi do 55,6%, considerabelmente máis alto que durante a primeira onda da pandemia (34,3%). A incidencia en Galicia (52,3%) foi inferior á do estranxeiro (67,4%) e de España (67,2%).
Por ramas de actividade, houbo máis incidencia no ámbito público (72,1%) que nas empresa privada (48,3%) e os sectores económicos máis afectados foron defensa e seguranza (88,9%), ensino/docencia (77,2%) e sanitario/saúde (77,0%).
Impacto laboral
A 31 de decembro de 2020 a inmensa maioría (85,4%) seguía no mesmo emprego que tiña a 1 de setembro. Un 2,0% perdeu o traballo que tiña, o 4,5% xa estaba desempregado/a antes da segunda onda, un 2,6% seguía na mesma situación anterior, un 2,1% mudou de emprego e o 3,5% encontrou emprego no período avaliado.
Entre setembro e decembro de 2020 a taxa de ocupación das persoas tituladas da UVigo experimentou un incremento do 1,68% (pasou do 89,5% ao 91,0%).
A taxa de desemprego diminuíu un 7,14%, pasando dun 7,0% en setembro de 2020 a un 6,5% en decembro de 2020.
As principais causas referidas polos que perderon o seu emprego foron a finalización de contrato (67,6%), seguida pola suspensión da actividade profesional (11,8%) e os despedimentos (8,8%).
Algo máis da metade (58,6%) espera recuperar o emprego perdido durante a segunda onda da pandemia.
Impacto no modo de traballo
Durante a segunda onda da pandemia a maioría (52,9%) traballou de modo presencial no seu posto de traballo habitual, seguido polo 42,7% que traballou parcial (23,0%) ou totalmente (19,7%) desde casa. Un 2,3% estivo en ERTE e o 2,0% permaneceu en casa sen desempeñar unha actividade laboral.
Implementación do teletraballo
Entre as persoas que teletraballaron durante a segunda onda da pandemia, a maioría (76,8%) teletraballara antes: o 44,1% durante a primeira onda (entre marzo e xuño de 2020) e o 32,7% antes da súa aparición. Só 23,2% teletraballou pola primeira vez durante a segunda onda da pandemia.
A maioría de persoas tituladas (81,0%) acha que o seu traballo permite teletraballar, quer dunha forma parcial (41,9%) ou total (39,1%). Para o 19,0% o seu emprego impide realizar o seu traballo en casa.
A principal vantaxe do teletraballo é a redución do tempo de desprazamento (77,0%), valorando positivamente o aforro en gastos de desprazamentos laborais (60,2%). A máis distancia, permite pasar máis tempo coa familia (39,9%), reducir as emisións de CO2 (33,7%) e aumenta a súa produtividade (29,3%).
Polo contrario, os principais inconvenientes son a falta de contacto social (86,1%), seguido da dificultade para separar o horario laboral e persoal (60,4%), a sobrecarga de traballo (35,6%) e imputar no empregado/a custos que deberían ser asumidos pola empresa/entidade empregadora (32,8%).