A UVigo lanza unha macroenquisa para coñecer a situación laboral de máis de 100.000 titulados entre 1990 e 2024

O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, en colaboración co Consello Social, acaba de lanzar unha macroenquisa para coñecer a situación de empregabilidade das e dos titulados en estudos oficiais da UVigo entre o ano 1990 e 2024. En total, convídase a participar a 117.846 persoas que saíron das aulas da institución académica dende a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela, é dicir, as 35 promocións comprendidas entre os cursos académicos 1989/1990 e 2023/2024, incluíndo tanto licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías e enxeñarías técnicas como graos, mestrados e programas de doutoramento.

Con este estudo búscase analizar o perfil académico dos antigos estudantes, a súa situación socio-laboral a 1 de xaneiro de 2025, as características do seu emprego, a valoración que fan do seu do traballo, a satisfacción co itinerario académico realizado e co cumprimento das expectativas en relación co ensino superior, así como a súa valoración da inserción laboral.

A enquisa estará aberta mentres dure todo o traballo de campo, estimado durante os meses de marzo e abril, ata conseguir unha mostra representativa das máis de 117.000 mil persoas tituladas da UVigo.

Ler a noticia completa no DUVI