25.500 antigos estudantes rexistrados e 22 informes: as grandes cifras do Observatorio de Persoas Tituladas no seu 10º aniversario

A creación do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, da que este ano se cumpre unha década, estivo precedida entre 2013 e 2015 pola publicación de tres estudos de inserción laboral de egresados e egresadas da institución académica viguesa, dirixidos polo ex reitor Luis Espada Recarey, coa colaboración do Consello Social. Precisamente, a necesidade de dotar á UVigo dunha entidade encargada do seguimento periódico da empregabilidade dos e das antigas estudantes, foi clave na materialización dun Observatorio, inicialmente denominado de Egresados, que veu a luz, primeiro, coa súa aprobación pola Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social o 3 de febreiro de 2016 e, a posterior ratificación polo Pleno, en sesión ordinaria, dous meses máis tarde.

“A Universidade non se limita a formar profesionais, senón que segue interesada pola ´súa experiencia laboral e usa esa información para seguir mellorando. Iso é, en esencia, o Observatorio: un faro que localiza os nosos egresados, analiza a súa empregabilidade, a satisfacción coa formación recibida e o grao de aliñamento entre o aprendido nas aulas e o que procura o mercado de traballo”, destaca Luis Espada sobre a creación do Observatorio, que coa asistencia técnica do analista de datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón, dirixe desde a súa creación. Transcorrida unha década desde ese momento, o Observatorio de Persoal Tituladas da UVigo foi quen de recompilar na súa base de datos un directorio con 25.458 antigos alumnos e alumnas, “o máis completo deste tipo nunha universidade galega, con persoas graduadas de todas as promocións desde o nacemento da UVigo e con presenza en 78 países dos cinco continentes”, detalla Víctor Martínez Cacharrón.

Ler a noticia completa no DUVI