Unha comunidade de 109.972 persoas tituladas da UVigo

O pasado día 13 de xullo tivo lugar a cerimonia de entrega da primeira edición dos Premios Alumni-UVigo, ocasión que foi aproveitada para celebrar o I Encontro Alumni-UVigo, unha xornada de convivencia dedicada aos antigos estudantes como un espazo de reencontro con antigas amizades, alumnado e profesorado organizado pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da UVigo.

O reitor da UVigo, Manuel J. Reigosa foi o encargado de entregar os recoñecementos como Alumni UVigo Honorífico aos cinco ex-reitores Luis Espada Recarey (1989-94), José Antonio Rodríguez Vázquez (1994-98), Domingo Docampo Amoedo (1998-2006), Alberto Gago Rodríguez (2006-10) e Salustiano Mato de la Iglesia (2010-18) polos seus méritos no desenvolvemento da institución académica.

Na súa intervención de agradecemento o ex-reitor Luis Espada e director do Observatorio de Persoas Tituladas lembrou que desde a súa creación e até a actualidade na UVigo tituláronse cerca de 110.000 persoas, destacando que grazas aos estudos de inserción laboral do Observatorio realizados co apoio e colaboración do Consello Social “sabemos que o 76,6% traballa en Galicia, o 13,3% noutras comunidades autónomas do Estado español e o 10,1% en 72 países dos cinco continentes”.
Así sendo, segundo datos do Observatorio, desde a creación da UVigo e até o curso 2020-21 un total de 109.972 persoas tituladas formáronse nas nosas aulas (2.951 doutores incluídos). A poboación da comunidade de antigos estudantes foi determinada a partir do estudo “71487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015) Evolución da oferta académica” publicado polo Observatorio, á que habería que acrecentar os titulados/as que se foron incorporando ao mercado de traballo entre o curso 2015-16 e 2020-21 até chegar ás referidas case 110.000 persoas tituladas en estudos oficiais.

A maioría de persoas tituladas no período de 31 anos (61,6%) realizaron estudos de primeiro e segundo ciclo xa extinguidos (licenciaturas, enxeñarías superiores, diplomaturas e enxeñarías técnicas), seguidas a máis distancia polas tituladas en estudos de grao (21,5%) e en mestrados universitarios (14,1%), ben como un 2,7% en estudos de doutoramento.

Galardóns dos I Premios Alumni-UVigo
A entrega de premios de distintas categorías serviu para recoñecer o labor dalgúns dos moitos antigos alumnos e alumnas que sen dúbida mereceron tal distinción e que son un exemplo e estímulo para o alumnado actual e futuro.
En cumprimento das bases da convocatoria foron galardoados os seguintes antigos estudantes:
> Traxectoria profesional: María Luz Abeijón Vidal, titulada en Enxeñaría Industrial (especialidade de Mecánica). Enxeñeira profesional senior con experiencia en cargos de liderado nos EUA e internacionais, xestión da calidade, fabricación e proxectos para petróleo e gas, enerxía renovábel e automoción.
> Emprendemento: Bibiana Rodiño Janeiro, titulada en Enxeñaría Industrial-Mecánica. É fundadora, CEO e directora xeral de BETA Implants, empresa de enxeñaría dedicada ao deseño, desenvolvemento, fabricación e comercialización de implantes específicos para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria.
> Humanidades: Martín Rodríguez Vázquez, Graduado en Educación Primaria. A súa experiencia profesional céntrase na edición, como operador de cámara e realización de vídeos no sector audiovisual.
> Impacto Social: Andrea Ruzo García, Licenciada en Tradución e Interpretación. Traballa na xestión e desenvolvemento de proxectos, axudando a escalar solucións sustentables a problemas sociais e ambientais.
> Investigación: Belén Riveiro Rodríguez, titulada en Enxeñaría Técnica Forestal e doutora. Traballa como profesora asociada de enxeñaría de estruturas na Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo.

Colaboración do Observatorio
A colaboración do Observatorio de Persoas Tituladas neste evento consistiu na difusión da convocatoria dos Premios Alumni-UVigo entre as persoas tituladas rexistradas na nosa Base de Datos. Entre os días 18 e 22 de xuño distribuímos un total 10.613 mensaxes da convocatoria a antigos estudantes de todas as promocións entre 1990 e 2017. Posteriormente, entre os días 7 e 11 de xullo enviamos 8.721 convites ao evento Alumni-UVigo a persoas tituladas residentes en Galicia. En total, 19.334 antigos estudantes da UVigo tiveron coñecemento da realización da primeira edición dos Premios e do Encontro Alumni-UVigo. A nosa difusión tivo o seu impacto, pois 12 dos 15 finalistas estaban rexistrados na nosa Base de Datos.

Premio Alumni-UVigo Distinguido
Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, foi o encargado da entrega do galardón a José María Franco García, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, que se converteu no primeiro Alumni-UVigo Distinguido en atención á súa especial implicación coa institución.

Na súa intervención, o Presidente do Consello Social exemplificou o traballo desenvolvido por moitas outras persoas que fixeron posible a constitución dunha comunidade alumni, ao tempo que gabou a importancia das e dos egresados que “son o mellor camiño para que a universidade medre en aprecio, confianza e valoración social. Relacións, influencias e afectos", dixo Pedrosa.