U-Multirank atribúe nota máxima á UVigo en sete indicadores

Os estudos de inserción laboral realizados polo Observatorio de Persoas Tituladas permitiron que a UVigo contase con información actualizada sobre dous indicadores clasificados coa máxima puntuación

A Universidade de Vigo obtivo nota máxima en sete indicadores do ranking global U-Multirank 2022 e a segunda nota máis elevada noutros once indicadores, que destacaron o seu desempeño relevante nas dimensións compromiso rexional (tres notas máximas e unha segunda nota), investigación (tres notas máximas e tres segundas notas), ensino e aprendizaxe (unha nota máxima e tres segundas notas), internacionalización (tres segundas notas) e transferencia de coñecemento (unha segunda nota).

A novena edición do U-Multirank, que acaba de ser divulgada e avaliou máis de 2200 institucións de ensino superior de 96 países, confirmou a excelencia da nosa universidade en tres indicadores da dimensión da investigación, nomeadamente nas publicacións científicas, nas publicacións interdisciplinares e na porcentaxe de autores de xénero feminino.

A importancia da UVigo no compromiso rexional foi tamén recoñecida con tres notas máximas, destacando o seu compromiso con empresas e organismos de Galicia através da porcentaxe de graduados ou titulados en mestrados universitarios da UVigo que conseguiron o seu primeiro emprego nesta área xeográfica e en ingresos de fontes rexionais.

Finalmente, a UVigo atinxiu a clasificación máxima nun indicador asociado ao ensino e aprendizaxe que avalía a igualdade de xénero nos estudantes de doutoramento.

No tocante á transferencia de coñecemento a UVigo obtivo unha segunda nota máxima no indicador e que avalía os ingresos procedentes de fontes privadas (excluídas as taxas académicas).

Alén diso, a dimensión da internacionalización tamén foi referenciada con tres segundas notas máximas nos indicadores que miden mobilidade estudantil, as publicacións científicas en colaboración con outros países e a porcentaxe de titulados en estudos de doutoramento con nacionalidade estranxeira.

O U-Multirank, creado nunha iniciativa da Comisión Europea, utiliza unha abordaxe multidimensional con recurso a unha análise comparativa do desempeño das institucións en 40 indicadores clasificados en cinco níveis (de A – Excelente a E – Fraco).

A contribución do Observatorio de Persoas Tituladas na obtención por parte UVigo de dúas máximas notas en dous indicadores consistiu na achega de información actualizada sobre a porcentaxe de titulados/as en estudos de grao e de mestrado universitario que traballan en Galicia. Os estudos de seguimento da inserción laboral que vimos realizando periodicamente ás diferentes promocións coa colaboración do Consello Social fixeron posible que a UVigo contase con datos sobre a empregabilidade das persoas tituladas no ano 2018.

Máis información