Preto de 11.000 egresadas e egresados da UVigo revelan os detalles da súa situación laboral

A Universidade de Vigo convértese na primeira de España en elaborar un estudo sobre a situación laboral na que se atopan as e os egresadados saídos das súas aulas ao longo dos primeiros 25 anos da súa existencia. Estudo sobre a situación laboral das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (1990-2015) é o titulo do volume elaborado polo ex reitor e responsable do Observatorio de Egresados, Luis Espada Recarey, xunto a Víctor Manuel Martínez Cacharrón, no que ao longo de máis de 720 paxinas debullan a situación profesional na que se atopan 10.748 persoas tituladas (58% mulleres e 42% homes) pola institución académica viguesa e que representan o 15% do total de 71.487 egresadas e egresados pola Universidade de Vigo no período 1990-2015. “Esta é unha historia da universidade a través dos ollos dos seus titulados, que nos proporcionan información sobre a formación recibida, o mercado laboral e empregabilidade, así como o seu grao de dispoñibilidade a colaborar e manter o contacto coa Universidade de Vigo”, explicou Luis Espada na presentación este mediodía do libro, nun acto no que tamén participaron o reitor en funcións, Salustiano Mato e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

Mato agradeceu aos autores do volume o traballo desenvolvido, que comezou contactando a través de carta e correo electrónico cos máis de 71.000 tituladas e titulados, dos que 10.748 responderon ás cuestións que se lle formulaban en relación coa súa situación laboral. “Temos a obriga de dar unha formación de calidade e a información que nos achegan os egresados nos permitirá ter unha mellora continua”, asegurou o reitor en funcións, que cualificou o traballo de “tesouro ao que sacarlle partido”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social, incidiu en que as e os egresados son unha prioridade estratéxica “para coñecer o valor da formación que recibiron”, ao tempo que agradeceu as miles de horas de traballo investidas na elaboración do estudo.

Ler a nova completa no DUVI