Os próximos días 27 e 28 de novembro o Observatorio de Persoas Tituladas estará presente durante a celebración do Congreso Nuevos Estilos de Vida que decorrerrá na sede Afundación de Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 13).
Segundo os seus organizadores trátase dun evento diferente, innovador, no que empresas e emprendedores danse a coñecer aos futuros profesionais e no que poden facer networking con outras empresas afíns aos seus negocios co mesmo fío condutor. No decurso dos relatorios programados nestas xornadas sobre orientación académica antigos estudantes da UVigo e representantes da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria darán unha visión xeral do que supón estudar unha carreira universitaria e o que depara o futuro no tocante á educación, a formación e o emprego.
O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo estará presente cun stand durante as sesións da tarde (a partir das 17h) e nas que está confirmada a participación de profesionais de diferentes ámbitos. Están previstas 6 ponencias e/ou mesas redondas e tres reunións-obradoiros previas ás ponencias con presenza de especialistas. Nas sesións “1 minuto con” poderás presentar o teu modelo de negocio a un investidor. Os proxectos seleccionados serán expostos a un comité de especialistas e ao público existente co obxectivo de polos en marcha. Tamén está previsto un “speed dating” no que, durante 60 minutos, unha empresa demandante de emprego sentará cara a cara con persoas que opten aos postos de traballo ofertados e con persoas interesadas en que conten cos seus servizos.
A asistencia ás conferencias é de balde e por orde de chegada até completar as prazas dispoñibles.