Co obxectivo de mellorar a calidade dos programas de doutoramento que oferta a UVigo e consecuentemente a formación do seu estudantado, o Observatorio de Persoas Tituladas, coa colaboración do Consello Social, está a realizar unha nova enquisa sobre empregabilidade e satisfacción, nesta ocasión centrada nas persoas tituladas en programas de doutoramento no curso académico 2021/2022. “Coa realización desta actividade, ao longo deste ano, o Observatorio completa a medición da empregabilidade do antigo estudantado durante o curso 2021/2022 nas tres tipoloxías de estudos oficiais ofertados pola UVigo: grao, mestrado e doutoramento”, sinala Víctor Manuel Vítor Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de persoas tituladas da UVigo, en relación con esta nova enquisa, na que tamén colaboran a Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.
O cuestionario que permitirá coñecer a empregabilidade e situación profesional actual das doutoras e doutores ano e medio despois de rematar os seus estudos na UVigo e confirmar tamén o seu grao de satisfacción coa formación recibida, está dirixido a 148 persoas que realizaron un doutoramento no curso 2021/2022, nalgún dos 32 programas adscritos á Eido. A enquisa está a ser distribuída por correo electrónico entre as e os titulados que consentiron formar parte da base de datos do Observatorio e tamén está a ser divulgada na páxina de LinkedIn, a canle de Youtube a páxina web do Observatorio.