“A crise económica que xurdiu a partir do 2007 supuxo un absoluto parón ao financiamento universitario, xa que, entre outras cousas, as administración públicas conxelaron os orzamentos e perdeuse tamén boa parte do diñeiro que chegaba das empresas, xa fora en forma de patrocinios ou de colaboracións de I+D+i” e, “en paralelo a todo isto”, os cadros de persoal das universidades non baixaron, as titulacións universitarias seguiron a incrementarse froito da súa adaptación á realidade empresarial e social, e houbo tamén unha baixada dos prezos públicos para as ensinanzas universitarias. Con esta reflexión de Lalo Azcona, presidente do Consejo Social da Universidad de Oviedo arrancaron esta mañá na sede da Fundación Barrié en Vigo as V Xornadas de Fundraising e mecenado, unha cita organizada polo Consello Social e que ao longo de dous días traerá á cidade olívica un destacado cadro de especialistas que, cada un desde a súa propia experiencia, afondarán nas diferentes formas de financiamento indirecto das que se poden beneficiar as institucións de ensino superior, tanto a nivel nacional como europeo, “un tema prioritario se queremos seguir facendo docencia e investigación de excelencia”, recalcou Azcona.
Xunto a Azcona, que puxo ao mundo anglosaxón como exemplo a seguir, “pois alí teñen instalada unha cultura da xenerosidade que aquí non temos”, presidiu o acto de inauguración das xornadas o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, quen fixo fincapé en que o obxectivo das xornadas é seguir avanzando nas diferentes cuestións arredor do uso da filantropía no ámbito universitario, movéndose nos aspectos máis visibles do exercicio da doazón: axudas legais, axudas fiscais, axudas de comunicación… E, en todo isto, cobran especial relevancia os estudantes da Universidade “os actuais e os pasados, porque un é alumno da universidade para toda a vida” e, neste sentido, referiuse ao Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo e ao seu creador, o ex-reitor Luis Espada, como exemplo a seguir no mundo do mecenado ‘desde dentro’.
Ler a nova completa no DUVI
Texto do relatorio presentado por Luis Espada