O 70% das persoas que cursaron os seus estudos de doutoramento na UVigo traballan no sector público

O  estudo Inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de doutoramento (1995-2020) realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, é “único e pioneiro no Sistema Universitario Español” xa que aborda a inserción laboral e empregabilidade de todas as promocións de persoas tituladas en estudos de doutoramento desde a creación dunha universidade ata o momento actual. Entre os resultados deste informe, presentado hoxe martes no campus de Vigo polo director do observatorio Luis Espada, acompañado do reitor, Manuel Reigosa e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destaca que o 95% das persoas que cursaron os seus estudos de doutoramento na UVigo neste período están traballando, principalmente en Galicia (64%) e no sector público (70%) en labores relacionadas co ensino superior e coa I+D+i.

O estudo analiza a inserción laboral dunha mostra composta por 505 persoas (dun total de 2843) tituladas da UVigo en estudos de doutoramento e que cursaron algún dos 134 programas oficiais entre 1995 e 2020. Como explicaba na presentación Luis Espada, “este estudo realizouse por unha fusión de vontades” entre a dirección da Eido (Escola Internacional de Doutoramento da UVigo), a Área de Calidade e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, co apoio do Consello Social da UVigo. De feito, como relataba Reigosa, nace dunha demanda “dos propios servizos da UVigo, que precisaban coñecer cal é o desenvolvemento profesional dos nosos egresados, neste caso dos estudos de doutoramento”. O reitor agradeceu este traballo do observatorio realizado tanto por Luis Espada, como polo analista de datos Vítor Martínez Cacharrón e tamén o apoio do Consello Social, “porque moitas destas actividades son moi importantes para a institución e sen a súa axuda sería imposible levalas a cabo”.

Ler a nova completa no DUVI