Fontes de información sobre inserción laboral do informe UEC22 da CRUE

O pasado 11 de abril a Crue Universidades Españolas publicou unha nova edición do seu informe “La Universidad Española en Cifras” (UEC22) con informacións do curso académico 2019/2020. UEC22 ofrece unha análise pormenorizada do impacto que a pandemia tivo na actividade universitaria e un diagnóstico do Sistema Universitario Español (SUE), abranxendo aspectos como a oferta e procura dos estudos, rendemento da formación universitaria, empregabilidade e calidade do emprego, calidade da investigación, contribución á innovación competitiva do sistema produtivo e financiamento e gasto universitario.

En particular, o capítulo 3 aborda a inserción laboral das persoas tituladas a partir de tres perspectivas: inserción laboral e filiación á Seguridade Social, inserción laboral dos egresados universitarios en España (ano 2019) e caracterización da calidade do emprego.

A principal fonte de información é a “Enquisa de inserción laboral de titulados universitarios. Ano 2019“, publicada polo INE en outubro de 2020 e aplicada ás persoas tituladas en estudos de 1º e 2º ciclo, grao e mestrado universitario no curso académico 2013/2014 do SUE. Dito estudo aborda o contexto demográfico e universitario, educación e aprendizaxe, proceso de incorporación ao emprego, adecuación dos estudos ao emprego e mobilidade xeográfica.

Na súa análise da información existente sobre a empregabilidade das persoas tituladas o informe UEC22 descarta a asimilación entre os conceptos de inserción laboral e filiación á Seguridade Social realizada polo Ministerio de Universidades e outros estudos, concluíndo que a información máis precisa sobre a inserción laboral é a proporcionada pola “Enquisa de inserción laboral de titulados universitarios” do INE.

Porén, ao abrigo da experiencia do Observatorio de Persoas Tituladas no seguimento da inserción laboral das promocións máis recentes, o referido estudo do INE presenta unha serie de limitacións:

En primeiro lugar, ofrece información sobre a empregabilidade no ano 2019 da promoción de persoas tituladas incorporadas ao mercado de traballo ao longo do ano 2014; isto é, despois de teren transcorrido cinco anos desde a súa graduación.

Alén diso, no curso 2013/2014 aínda non estaba plenamente implementado o Espazo Europeo de Estudos Superiores (Plano Boloña), coexistindo os estudos de grao e mestrado actualmente vixentes cos xa extinguidos estudos de 1º ciclo (diplomaturas e enxeñarías técnicas) e 2º ciclo (licenciaturas e enxeñarías).

Finalmente, a mostra avaliada (31500 persoas tituladas en estudos de 1º e 2º ciclo e de grao e 11500 en estudos de mestrado) non permite obter resultados por universidades. Neste sentido, desde UEC22 instan o INE a ampliar a enquisa para obter resultados representativos a nivel de universidade que, segundo o noso criterio, permitiría unha comparativa interuniversitaria homoxénea dos indicadores de inserción laboral.