A partir do 2 de setembro de 2024 e durante un mes permanecerá aberto o prazo para realizar a enquisa de inserción laboral das persoas tituladas da UVigo que realizaron un programa oficial de doutoramento no curso 2021/2022.
Participan na realización da enquisa a dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), Área de Calidade da UVigo e Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, ben como a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.
Acceso á enquisa
Non será preciso responder todas as preguntas; en función das respostas, as persoas participantes serán encamiñadas ás preguntas do cuestionario que correspondan.
De que vai a enquisa?
Preparamos un vídeo-resumo de menos de 3 minutos de duración en que se adiantan as preguntas do formulario.
Por que precisamente agora?
Superados 18 meses da finalización dos estudos de Doutoramento é chegado o momento de avaliar a inserción laboral do programa de doutoramento obtido polos titulados/as na promoción 2021/2022.
Para que serve esta enquisa?
A enquisa xoga un papel importante en varios aspectos:
- Coñecer a empregabilidade e situación profesional actual dos doutores/as 18 meses despois de acabar os seus estudos na UVigo
- Achegar á UVigo información útil e relevante para mellorar a calidade dos programas de doutoramento
- Contribuír á mellora da formación do estudantado das seguintes promocións
- Avaliar a satisfacción cos estudos de doutoramento realizado
Onde se poden ver os resultados?
Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados son publicados na web do Observatorio e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria.
O informe final será enviado aos antigos estudantes rexistrados na nosa Base de Datos de Persoas Tituladas.
Moi importante!
- A enquisa é anónima: non son requiridos nome nin apelidos
- Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio segundo o RGPD
- O tratamento estatístico das respostas, realizado baixo a dirección do profesor Luis Espada, garante a absoluta confidencialidade
- Conforme á Lei, as persoas tituladas participantes dispoñen do dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a todo dato que as afectar