Comeza a recollida de datos para analizar o impacto laboral da segunda onda da pandemia

Abórdanse de maneira especial cuestións referidas ao teletraballo, os ERTE e a carga de traballo

Detalle dun dos mapas do novo localizador web das persoas tituladas da UVigo

Apenas unhas semanas despois de presentar o informe sobre o impacto laboral da primeira onda da pandemia de covid-19 nas persoas tituladas da Universidade de Vigo, realizado en colaboración co Consello Social, o Observatorio de Persoas Tituladas pon xa en marcha un novo informe de seguimento, centrado nesta ocasión nas consecuencias laborais que tivo a denominada segunda onda, período temporal que enmarcan entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2020. “Queremos saber como evolucionou o impacto da actual crise durante a segunda onda da pandemia nos seus ámbitos sanitario, socio-laboral e no modo de traballo”, explican desde o observatorio.

“Ao igual ca no anterior informe buscamos coñecer cal foi a evolución das taxas de ocupación e de desemprego nas persoas tituladas da UVigo de calquera titulación e promoción, independentemente do lugar onde vivan ou traballen”, explican Luis Espada e Víctor Martínez Cacharrón na web do observatorio, volvendo a solicitar a colaboración da comunidade de antigos estudantes a fin de que lles dean a necesaria retroacción cubrindo unha enquisa que, en principio, manterán activa ata o vindeiro luns día 15.

Ler a nova completa no DUVI