Continúan os traballos sobre empregabilidade do Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo e fano co lanzamento dunha nova enquisa dirixida, nesta ocasión, ás 3884 persoas que remataron no curso 2021/2022 un grao ou mestrado na institución académica viguesa. “Superados os 18 meses da súa saída das aulas da UVigo queremos saber como foi a súa empregabilidade; isto é, se traballan, están á procura de emprego ou continúan estudos universitarios, así como a satisfacción cos estudos que realizaron aquí”, explica o director do Observatorio, Luis Espada.
Como é habitual, o estudo conta co apoio do Consello Social da UVigo e, neste sentido, Ernesto Pedrosa lembra que a LOSU, aprobada en 2023, outórgalle a estas entidades a competencia básica de fomentar a interrelación e cooperación entre as universidades e os seus antigos alumnos e alumnas. “Pola nosa banda, nese camiño estamos desde 2014, algo para o que o traballo pioneiro de Luis Espada e Víctor M. Cacharrón é xa impagable”, explica o presidente do Consello Social, enfatizando a idea de que “Vigo encontrou unha conexión moi poderosa cos seus antigos alumnos a través deste Observatorio”.