A Universidade xa ten un cordón umbilical que a une coas súas egresadas e egresados

Fomentar e manter a comunicación e o vínculo constante co antigo alumnado e ser o canal que albergue os formularios en liña que permitan continuar coa elaboración dos estudos de seguimento de inserción laboral das e dos egresados, son os obxectivos da páxina web que o Observatorio das Persoas Tituladas da Universidade de Vigo acaba de estrear. O portal, que foi presentado hoxe nun acto no que participaron o director do observatorio, Luis Espada; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, estrutúrase en oito apartados, que dan resposta a ausencia ata agora “dun cordón umbilical entre a Universidade e os seus egresados e egresadas”, dixo Espada Recarey.

O director do Observatorio, xunto a Víctor Manuel Martínez Cacharrón, foron quen, durante os últimos catro anos de fidelizar a uns 12.000 tituladas e titulados dos preto de 71.500 que entre os anos 1989 e 2015 se graduaron na Universidade de Vigo. 12.000 egresadas e egresados, distribuídos en preto de 70 países de todo o mundo, que protagonizaron as dúas publicacións que sobre a situación laboral das persoas tituladas elaborou o Observatorio e que agora conforman a base da nova páxina web, que o reitor, Manuel Reigosa, considera “un imprescindible canal bixectivo cos egresados para saber cal é o seu futuro e tamén para modular as nosas titulacións, se se detectan eivas na súa formación”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social destacou o “laborioso e heroico traballo desenvolvido por Espada e Cacharrón”, o tempo que destacou a importancia das e dos egresados, que considera “un elemento que cotiza á alza”.

Ler a noticia completa no DUVI