Entre o 5 de outubro e o 1 de novembro de 2022 permanecerá aberto o prazo para realizar as enquisas de inserción laboral das persoas tituladas da UVigo no curso académico 2019/2020. Poden participar todos os antigos estudantes da UVigo que realizaron un grao ou un mestrado nesa promoción.
Acceso ás enquisas
Preparamos un vídeo-resumo de menos de 3 minutos de duración en que se adiantan as preguntas da enquisa.
Por que precisamente agora?
Superados dous anos da finalización dos estudos de Grao ou Mestrado é chegado o momento de avaliar a inserción laboral do título obtido polos titulados/as na promoción de 2019/2020.
Con esta enquisa desde o Observatorio queremos saber como lles foi: se traballan ou non, canto tardaron en encontrar emprego e se o seu posto de traballo está relacionado cos estudos realizados ou se, polo contrario, procuran emprego, continúan a estudar ou preparan oposicións.
Para que serven estas enquisas?
Estas enquisas xogan un papel importante en varios aspectos:
- Coñecer a empregabilidade dos antigos estudantes unha vez transcorridos como mínimo 18 meses despois de acabar os seus estudos na UVigo.
- Medir a satisfacción coa formación universitaria recibida.
- Avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados.
- Contar con información actualizada sobre inserción laboral e útil de cara a mellora dos planos de estudos.
Onde se poden ver os resultados?
Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados son publicados tanto neste portal como no do Consello Social e de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria.
O informe final será enviado aos antigos estudantes rexistrados na nosa Base de Datos.
Moi importante!
- A enquisa é anónima: non son requiridos nome nin apelidos.
- Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio segundo o RGPD.
- O tratamento estatístico das respostas, realizado baixo a dirección do profesor Luis Espada, garante a absoluta confidencialidade, pois as respostas recollidas na enquisa non serán asociadas co correo electrónico requirido.
- Conforme á Lei, as persoas tituladas participantes dispoñen do dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a todo dato que as afectar.