24930 antigos estudantes da UVigo rexistrados na Base de Datos do Observatorio

A Base de Datos de Persoas Tituladas da UVigo alcanzou os 24930 rexistros de antigos estudantes durante o ano 2024

A nosa Base de Datos de Persoas Tituladas non deixa de aumentar en número na secuencia do traballo realizado co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo e consistente no seguimento periódico da inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais de Grao, Mestrado e Doutoramento.

O principal canal que fornece esta Base de Datos é a colaboración da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade que dirixe Natalia Caparrini na captación dos consentimentos explícitos do antigo alumnado para que se compartan co Observatorio os seus datos de contacto na altura de solicitar o seu título oficial. Esta cooperación permite levar a cabo os diferentes informes de inserción laboral e satisfacción dos antigos estudantes cos estudos oficiais realizados na UVigo.

Desde o ano pasado a colaboración do Observatorio co Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao está a permitir tamén a incorporación á nosa Base de Datos dos rexistros dos doutores/as que deron o seu consentimento para participar nos estudos de seguimento da empregabilidade e satisfacción cos programas oficiais de doutoramento da UVigo.

Alén diso, mantemos sempre activo o Formulario de alta e de actualización de datos de contacto das persoas tituladas aloxado no noso portal.

Todo isto permitiu que Observatorio de Persoas Tituladas tivese alcanzado este ano un total de 24930 rexistros de antigos estudantes da UVigo na nosa Base de Datos de Persoas Tituladas, o que representa un aumento do 107,2% sobre os 12030 rexistros iniciais alcanzados no ano 2018 e do 12,7% a respecto dos 22125 existentes no ano 2023.

Trátase dunha ampla Base de Datos en permanente actualización cuxos membros deron o seu consentimento explícito para que a UVigo, a través do Observatorio, contacte con estas persoas de cara a enviar informacións, convocatorias de cursos ou de eventos de interese para a comunidade alumni ou aplicar as diferentes enquisas de empregabilidade.

O pasado 23 de setembro, coincidindo coa presentación pública dos resultados do estudo sobre a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos oficiais de grao, mestrado e doutoramento no curso 2020/2021, Ernesto Pedrosa, Presidente do Consello Social, reafirmou o seu compromiso para seguir apoiando este tipo de estudos que o Observatorio comezou a facer en 2014 e que “nos sitúan como unha universidade pioneira en España”. Por outro lado, o director do Observatorio Luis Espada agradeceu a colaboración da

Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, da dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), da Área de Calidade, da Unidade de Análises e Programas e do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao na execución dos traballos necesarios para realizar o estudo.

A explotación da nosa Base de Datos de Persoas Tituladas non só ofrece á UVigo múltiplas potencialidades de cara á obtención de estatísticas e indicadores de inserción laboral, senón que o retorno achegado co contacto co antigo alumnado permite contribuír á melloría da reputación da UVigo en diversos rankings e estatísticas universitarias.

Estas funcionalidades e resultados non terían sido posibles sen o apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, que ven apostando en analizar e facer un seguimento da inserción laboral do antigo alumnado a través do Observatorio de Persoas Tituladas.