A Base de Datos de Persoas Tituladas da UVigo alcanzou os 22125 rexistros de antigos estudantes durante o ano 2023
A nosa Base de Datos de Persoas Tituladas non deixa de medrar. Aos canais habituais de crecemento, nomeadamente a partir dos diferentes estudos de seguimento da inserción laboral aos antigos estudantes realizados co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, do Formulario de alta e de actualización de datos de contacto das persoas egresadas aloxado no noso portal, ben como da colaboración coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade que dirixe Natalia Caparrini, durante o ano 2023 engadiuse unha nova vía: a colaboración co Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao para facermos o seguimento da inserción laboral e satisfacción cos programas oficiais de doutoramento da UVigo no curso 2020/2021.
Todo isto permitiu que Observatorio de Persoas Tituladas tivese alcanzado este ano un total de 22125 rexistros de antigos estudantes da UVigo na nosa Base de Datos de Persoas Tituladas, o que representa un aumento do 83,9% sobre os 12030 rexistros iniciais alcanzados no ano 2018.
Trátase dunha ampla Base de Datos en permanente actualización cuxos membros deron o seu consentimento explícito para que a UVigo, a través do Observatorio, contacte con estas persoas de cara a enviar informacións, convocatorias de cursos ou de eventos de interese para a comunidade alumni ou aplicar as diferentes enquisas de empregabilidade.
O pasado 7 de novembro, coincidindo coa presentación pública dos resultados do estudo sobre a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos oficiais de grao e de mestrado universitario no curso 2019/2020, Ernesto Pedrosa, Presidente do Consello Social, destacou que “o traballo de monitorización que se está a facer posibilita unha sociedade máis instruída con datos e con criterios, asentada na seguridade que proporciona dispor de información”, lembrando que ningunha outra universidade do SUE ten o seu antigo estudantado tan monitorizado e en tempo case real como a UVigo.
A explotación da nosa Base de Datos de Persoas Tituladas non só ofrece á UVigo múltiplas potencialidades de cara á obtención de estatísticas e indicadores de inserción laboral, senón que o retorno achegado co contacto co antigo alumnado permite contribuír á melloría da reputación da UVigo en diversos rankings e estatísticas universitarias.
Estas funcionalidades e resultados non terían sido posibles sen o apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, que ven apostando de forma continuada desde 2016 en analizar e facer un seguimento da inserción laboral do antigo alumnado a través do Observatorio de Persoas Tituladas.