A partir dos diferentes estudos de inserción laboral que estamos a levar a cabo e do seguimento do impacto laboral da pandemia, do formulario de alta e de actualización de datos de contacto dos antigos estudantes aloxado na nosa Web, ben como da colaboración coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade que dirixe Natalia Caparrini, o Observatorio de Persoas Tituladas conseguiu configurar unha Base de Datos de Persoas Tituladas, conformada actualmente por 20607 rexistros de antigos estudantes da UVigo.
Trátase dunha ampla Base de Datos en permanente actualización cuxos membros deron o seu consentimento explícito para que a UVigo, a través do Observatorio, contacte con estas persoas de cara a enviar informacións, convocatorias de cursos ou de eventos de interese para a comunidade alumni ou aplicar as diferentes enquisas sobre empregabilidade que implementamos.
O pasado 8 de novembro, durante o acto de presentación dos resultados do estudo sobre a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos de doutoramento (1995-2020), Ernesto Pedrosa, Presidente do Consello Social, subliñou que este labor de seguimento ten convertido o Observatorio “nun referente en España”, xa que “ningunha outra universidade ten os seus ex-alumnos tan monitorizados e en tempo case real”, o que permite “abrir a UVigo ao mundo e achegar argumentos e visións a quen se acerque a ela”.
Con certeza, a explotación da nosa Base de Datos de Persoas Tituladas ofrece múltiplas potencialidades á Vigo de cara á obtención de estatísticas e indicadores de inserción laboral, podendo desagregarse a información existente por xénero, lugar de residencia/traballo, promocións académicas, ramas de coñecemento ou titulacións realizadas.
Estes resultados non terían sido posibles sen o apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, que ven apostando de forma continuada desde 2016 en analizar a inserción laboral do antigo alumnado a través do Observatorio de Persoas Tituladas.