O terceiro e derradeiro informe de seguimento sobre o impacto laboral da pandemia nos antigos estudantes da UVigo elaborado polo Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, Estudo sobre o impacto laboral da pandemia Covid-19 durante o ano 2021 nas persoas tituladas da UVigo (Xaneiro- Setembro 2021), incorpora, respecto dos seus antecesores, unha novidade que o converten nunha publicación pioneira e única no sistema universitario español. “Un elevado número de persoas que participaron no estudo sobre o impacto da segunda onda da pandemia, solicitounos que abordásemos o impacto da pandemia na saúde mental, e así o fixemos, logo que os estudos anteriores se dedicasen máis especificamente a cuestións socio-laborais”, explican Luís Espada Recarey e Víctor Manuel Martínez Cacharrón, director e analista de datos, respectivamente, do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo. Con este obxectivo elaboraron un cuestionario, tentando que non fose invasivo ao tratarse dunha materia sensible, “con preguntas sobre os efectos da pandemia no estado de ánimo xenéricas, sen entrar nunca, por unha cuestión de privacidade, en sintomatoloxía (episodios de ansiedade, crises de estrés, trastornos de conduta…) ou en aspectos persoais. Non queríamos facer epidemioloxía, aínda que se trate dun estudo sobre o impacto dunha pandemia”, indican os autores.
2530 titulados e tituladas da UVigo foron enquisados entre setembro e novembro de 2021 para este estudo que avalía o período comprendido entre xaneiro e setembro e no que, xunto á novidade do impacto emocional da pandemia, tamén se recolleron as súas opinións sobre o impacto da crise por covid nos ámbitos sanitario, laboral e no modo de traballo, analizado en anteriores traballos, o que permite establecer comparativas homoxéneas entre os diferentes períodos avaliados.