Como presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, compráceme moi especialmente presentar este traballo. Xa pasaron sete anos desde que nos cuestionamos a conveniencia de crear unha oficina de persoas tituladas e aquí están os cimentos.
Antes de seguir, quero felicitar e agradecerlle ao profesor Luís Espada Recarey e ao profesor Víctor Martínez Cacharrón a súa laboriosa e heroica inmersión para sacar á luz estas pezas imprescindibles para que a universidade poida elaborar o mapa físico da súa eficiencia. Sei que foi un labor xigantesco.
Hoxe, para o Consello Social, o estudantado éo todo, e as persoas tituladas tamén o son: son a nosa base para captar recursos por múltiples vías, non só a económica. Por iso debemos aproveitar o seu labor fertilizador porque posúen o ben máis prezado que hoxe unha universidade lle pode ofrecer ao alumnado: a formación competencial e a experiencia de quen o precedeu. Este achegamento no que estamos a traballar presinto que transforma a existencia mesma da universidade, amplía a súa lexitimidade social e determina a súa rendibilidade pública. Porque os titulados e as tituladas propician unha universidade enriquecida que conecta co sistema produtivo, coa vida empresarial, co mercado de traballo… pero sobre todo co pulso da sociedade.
No Consello Social cremos que máis aló de aproveitar as posibles clases maxistrais que poderían impartir, máis aló de convertelos en impagables aceleradores de emprego ou de telos como potenciais financiadores, os titulados e tituladas acumulan un inmenso poder para difundir e fortalecer o coñecemento masivo da universidade e da reputación da súa propia marca. Son, en si mesmos, un enorme foco de visibilidade e fontes informativas de extraordinario valor; son unha forza docente ilustrada por frutíferas traxectorias e responsabilidades, por brillantes currículos profesionais ou por acreditadas e excelentes experiencias prácticas. O seu acceso aos medios é directo. Ese é un valor que cotiza alto e nos fai abrigar enormes expectativas a través da comunicación, e isto paréceme extraordinariamente importante. Porque a universidade necesita moita comunicación; e insisto, moita.
E os exalumnos e exalumnas sincronizados e agrupados son unha magnifica rede para dar a coñecer as universidades e para que gañen a estima, a confianza e o recoñecemento da cidadanía. Ese é un dos grandes retornos que esperamos. Comunicación.
Así que ben se xustifica que dedicásemos os últimos anos a promover a localización polo mundo daquelas persoas que se titularon entre 1980 e 2015, para crear un observatorio permanente. As persoas que un día estudaron aquí dispoñerán dun cordón umbilical ata agora inexistente. E a universidade terá unha información que non posuía: poderosa, fiable e útil.
Este traballo é o resultado dunha tarefa que requiriu un esforzo, repito, xigantesco, para localizar por todo o mundo e unha a unha as 71 487 persoas tituladas pola Universidade de Vigo entre 1990 e 2015 procedentes de 50 países. Este é un estudo pioneiro no sistema universitario español que abrangue polo menos dúas xeracións de persoas graduadas. Permite extraer moitísimas certezas e mapas para o camiño. É máis, posibilita coñecer se o mercado laboral e a formación recibida están en sintonía. Aquí reflíctese unha universidade descoñecida, capaz de formar profesionais que exercen en 68 países do mundo. Ademais, revelaralles datos tan claros como que o 88 % das persoas enquisadas traballa, que o 75 % traballa no que estudou ou que o 12 % traballa por conta propia.
Como comprenderán, o cambio que pode operar na universidade a repentina proximidade e afecto de miles de persoas ata agora desconectadas ten que notarse. Comprenderán que as persoas tituladas teñen neste momento un rango de prioridade estratéxica para a institución e que queremos fidelizalas porque achegan unha información insubstituíble para coñecer o valor, a calidade e a utilidade dos ensinos que recibiron. Achégannos unha valiosa guía para adecuar os seus plans e os seus ritmos á realidade próxima. Sabemos que os resultados non serán inmediatos, pero o importante é que sabemos que os haberá.
Nestes tempos, nos que todo o mundo lles fai colonoscopias ás universidades, nós decidimos fixarnos antes na fisioloxía ca nas deformidades patolóxicas. Porque a universidade é necesaria. Así que a Luís Espada, exemplo lúcido, indestrutible e avanzado de compromiso coa universidade, grazas. Foi o primeiro reitor da Universidade de Vigo, pero segue poñendo a alma para que esta institución sexa cada vez mellor. Non se foi nunca. O seu traballo é dunha extraordinaria importancia porque está apoiado por miles de horas de traballo xeneroso, de procura, de inmersión nun terreo tan inexplorado como imprescindible, pero ao que non se atreveu a entrar ninguén. Grazas tamén a Salustiano Mato porque foi un reitor receptivo a este proxecto. E grazas ao reitor Manuel Reigosa pola súa determinación en facelo realidade.
Din os grupos expertos que, en 2020, Europa só terá un 15 % de postos de traballo de baixa cualificación e hoxe, en España, a porcentaxe de poboación adulta con estudos obrigatorios triplica esa cifra. Só por iso, é moi importante que cada ano saian da UVigo unha media de tres mil persoas tituladas, tres mil cidadáns e cidadás formados que terán o seu sitio na globalización, pero que ademais se converterán no maior e mellor corpo diplomático da nosa universidade por todo o mundo.
Ernesto Pedrosa
Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo