O día 22 de outbro abre portas no recinto do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) unha nova edición da Feira Internacional do Emprego Universitario (Finde.U) convertida nun dos grandes referentes de intermediación laboral universitaria do noroeste peninsular. O evento decorrerá os días 22 e 23 de outubro e o 29 e 30 na Exponor do Porto (Portugal). Como principal novidade destaca a incorporación de empresas do ámbito biotecnolóxico e firmas da área xurídico-social que se suman ás do ámbito tecnolóxico –as habituais neste evento–.
As feiras organizadas polas universidades de Vigo, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), tornarán a darlle a oportunidade ás persoas tituladas e estudantes de últimos cursos de todas as áreas de coñecemento de manter contacto directo con organizacións e empresas que demandan talento universitario. Alén diso, durante os dous días de duración, expertos e expertas en coaching, orientación e emprendemento dos departamentos de recursos humanos das empresas participantes impartirán diferentes obradoiros e relatorios relacionados coa procura de emprego para mellorar a empregabilidade das persoas asistentes.
Pola primeira vez, esta cuarta edición contará coa presenza, no stand da UVigo, do Observatorio de Persoas Tituladas. As persoas que se acheguen ao noso posto poderán coñecer de primeira man tanto os informes de inserción elaboral elaborados desde a nosa unidade como a campaña “CONECTADOS” e as dúas principais iniciativas que estamos a desenvolver. A primeira delas, destinada a aumentar o número de Antigos Estudantes que se sumen á Rede de Persoas Tituladas que estamos a configurar. A segunda, a realización dunha enquisa de inserción laboral ás promocións que completaron os seus estudos nos cursos 2015/2016, 2016/2017 e 2017/2018 seguindo o modelo dos estudos publicados.