Ata o 1 de novembro permanecerá aberto o prazo para que todo o alumnado da UVigo que durante o curso académico 2019/2020 realizou un grao ou un mestrado poida participar na nova enquisa do Observatorio de persoas tituladas da UVigo. Co obxectivo de realizar un seguimento periódico da inserción laboral das e dos titulados da Universidade de Vigo, o Observatorio está a distribuír o cuestionario por correo electrónico entre as e os titulados, que deron consentimento explícito para formar parte da súa base de datos, así como a través de redes sociais e da súa web.
Ao dirixise a dous perfís distintos, na enquisa aplícanse dous formularios diferentes, nun caso para graduados e graduadas, e outro para titulados e tituladas en mestrado. Así mesmo, as persoas tituladas poderán atopar un avance dalgunhas das preguntas que deberán responder nun vídeo resumo elaborado polo Observatorio. A enquisa é anónima e o tratamento estatístico das respostas, realizado para a dirección do profesor Luis Espada, garante a absoluta confidencialidade.