Coñecer o impacto laboral que a actual crise por COVID-19 está a ter nas persoas tituladas da UVigo de todas as titulacións, promocións e lugar de residencia. Este é o grande obxectivo co que o Observatorio de Persoas Tituladas puxo en marcha esta semana a realización dunha enquisa a todos os exalumnos e alumnas da Universidade de Vigo. A recollida de datos prolongarase ao longo de todo o mes de xuño e a mediados do vindeiro mes agardan xa contar cun primeiro avance dos resultados.
“Con este estudo queremos saber como a situación creada polo virus está a afectar na situación laboral en aspectos como a implantación do teletraballo/traballo remoto, as medidas tomadas polas empresas/organizacións en relación aos contratos, así como as expectativas sobre a situación laboral e económica”, apunta o exreitor Luis Espada, director do observatorio, quen explica que esta iniciativa está a ser difundida por varias vías. A principal é a través do envío masivo de correos electrónicos aos contactos de antigos estudantes e a isto súmanse os medios cos que conta o observatorio e que inclúen desde a páxina web, onde teñen un espazo habilitado para a crise por COVID-19, ata as redes sociais do observatorio. Complementariamente están a usar tamén medios de difusión como son as listas de distribución ‘comunidade’ e ‘PDI’ da Universidade de Vigo. Neste senso, o director do observatorio fai unha chamada á participación do antigo alumnado e “agradecería tamén que o profesorado axudase na difusión”.