Entre o 13 de marzo e finais do mes de abril, máis de medio cento de persoas tituladas da Universidade de Vigo participaron nunha iniciativa do Observatorio das persoas tituladas da institución académica viguesa, co obxectivo de que, através dunha pequena crónica escrita, as e os antigos alumnos puidesen relatar a súa experiencia persoal sobre a pandemia desde os países nos que traballan ou viven neste intre.
Durante algo máis dun mes, o Observatorio que dirixe Luis Espada Recarey, recibiu, desde 26 países dos cinco continentes, os relatos dun total de 55 persoas tituladas en todos os ámbitos do coñecemento pola Universidade de Vigo e que neste intre están a desenvolver a súa carreira profesional no estranxeiro. Alemaña é, con diferenza, o país desde que o chegaron máis escritos, un total de 11; seguido do Reino Unido, con oito; Portugal con catro e Bélxica, Italia e Noruega con tres, e partir de aí, unha sucesión de lugares ata sumar 26 do total de 73 países do mundo onde o Observatorio constatou a presenza e contactou con antigas e antigos alumnos da Universidade de Vigo.
O Director do Observatorio, Luis Espada Recarey, quere agradecer a participación das persoas tituladas que viven e traballan no estranxeiro na iniciativa do Corpo Diplomático da UVigo. Cada unha das crónicas recibidas achega, de forma desinteresada, unha visión en primeira persoa de como o mundo está a experimentar esta crise global, inaudita na historia da humanidade, pola súa dimensión nos ámbitos sanitario, económico e social.
Desde o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo queremos desexar a todos eles/as, os nosos embaixadores/as, a realización dos seus proxectos vitais e profesionais.