Este informe, publicado en 2014, recolle os resultados dunha enquisa realizada a 1203 persoas tituladas da UVigo nos anos 2008 e 2009 sobre a súa experiencia académica e profesional. O estudo inclúe unha comparativa cos resultados do anterior informe (promocións de 2006 e 2007).
No período que separa estes dous estudos alterouse a realidade circundante co afondamento no contexto de crise económica-laboral e, por outro lado, coa intensificación do proceso de adaptación das titulacións ao espazo europeo de educación superior (EEES).
Resumo do informe
Resultados globais
A mostra obtida é maioritariamente feminina a nivel global (59 %) e en todas as ramas académicas, salvo na tecnolóxica (70 % de homes).
O tempo medio de finalización dos estudos é de 5,04 anos (4,60 para as mulleres contra 5,72 para os homes). Por ámbitos académicos, o tempo oscila entre o mínimo do xurídico-social (4,23 anos) e o máximo do tecnolóxico (6,10).
O 81 % realizou algún tipo de formación complementaria, principalmente mestrados (51 %), cursos de especialización (21 %), formación continuada (14 %) ou outra titulación universitaria (11 %). Na maioría de casos (60 %), esta formación está ligada a contidos específicos da titulación estudada, á aprendizaxe de idiomas (49 %) e á informática (27 %).
O 57 % realizou prácticas en empresas e/ou institucións e o 19 % participou en programas de mobilidade internacional.
Ámbitos académicos
Predominan os estudos da rama xurídico-social (39 %), seguido pola tecnolóxica (37 %), científica (9 %), arte e humanidades (8 %) e ciencias da saúde (4 %).
Tempo de procura do primeiro emprego
Na maioría de casos (52 %) foi inferior a tres meses, porcentaxe que ascende ata o 81 % cando se chega ao ano.
Taxa de ocupación
A proporción de persoas tituladas que manifestou traballar no momento da realización da enquisa é do 74 % (80 % de homes contra 69 % de mulleres).
O desemprego afecta ao 23 % dos titulados/as (17 % de homes contra 27 % de mulleres) e é o dobre entre os que realizaron titulacións do ámbito das humanidades (30 %) con respecto ás do tecnolóxico (15 %).
O 69 % traballou en varias ocupacións antes do emprego actual contra un 21 % que continúa a traballar na súa primeira ocupación despois de titularse.
Situación laboral
A maioría traballa por conta allea (67 %) contra o 7 % que o fai por conta propia como traballador/a autónomo/a ou titular dunha empresa.
Lugar de traballo
O 21 % das persoas tituladas residen fóra de Galicia (11 % noutra comunidade autónoma e o 10 % no estranxeiro).
Entre os países estranxeiros destacan Alemaña (17 %), Francia (15 %), Reino Unido (11 %), Portugal (10 %) e Países Baixos (5 %).
Modalidade de contratación e tipo de contrato
O 43,3 % ten un contrato indefinido, mentres que un 9,3 % está autoempregado. Entre o primeiro emprego e o actual aumenta a estabilidade, de xeito que pasan os indefinidos do 13 % ao 43 % e as formas eventuais de contrato do 81 % ao 46 %.
Categoría profesional
O 65 % son postos de técnicos medios ou superiores, mentres que o 8 % se ocupa na categoría de administrativos. Neste caso os homes directivos duplican as mulleres (7 % contra 4 %) e estas ao xénero masculino nos postos de administrativas e auxiliares (19 % contra 9 %).
En máis do 76 % de casos, o traballo desenvolvido polas persoas tituladas ten relación cos estudos cursados; é total nas titulacións da rama das ciencias da saúde e maior no caso das ciencias e tecnolóxicas que nas artes e das humanidades.
Sobrecualificación
A sobrecualificación afecta ao 31 % das persoas inquiridas e a maioría (62 %) acha que o traballo que desenvolve é adecuado ao seu nivel académico adquirido na UVigo.
Comparativa
Entre as promocións de 2006-07 e 2008-09 prodúcese un incremento no número de titulados/as que traballa fóra de Galicia (do 6 % ao 21 %). Tamén se confirma o incremento do desemprego (do 20 ao 23 %), así como o aumento no número de titulados/as que cursaron mestrados; o incremento da formación complementaria ou o descenso no número de contratos indefinidos.