O obxectivo principal deste Informe é determinar o impacto laboral da segunda onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo, independentemente da promoción académica, titulación, lugar de residencia ou de traballo.
O estudo estrutúrase en dúas partes:
- Metodoloxía
- Análise dos resultados da enquisa sobre o impacto laboral da segunda onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo
Resumo do informe
Metodoloxía
É definido o proceso metodolóxico utilizado, incluíndo todas as informacións sobre a execución da enquisa aplicada sobre o impacto laboral da segunda onda de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo.
Análise dos resultados da enquisa
Son analizados pormenorizadamente os resultados da enquisa autoaplicada, expresados a partir de 341 cadros, 138 anexos e múltiplos comentarios. Inclúe unha avaliación detallada das respostas en función de diferentes variábeis de segmentación, entre as cales, o xénero, ámbito académico, tipoloxía de estudos, evolución temporal ou campus.
A presentación dos resultados está estruturada nos seguintes apartados:
- Caracterización da mostra obtida a partir da elaboración dun perfil das persoas tituladas en función dos datos de tipo persoal e académico.
- Avaliación da situación socio-laboral previa á segunda onda da pandemia de Covid-19 en setembro de 2020.
- Características do posto de traballo previo á segunda onda da pandemia en función de variábeis como o lugar de traballo, modalidade de contratación e tipo de contrato, rama de actividade, sector económico, área funcional, categoría profesional ou o tamaño da empresa.
- Impacto sanitario da segunda onda da pandemia no ámbito laboral a partir da porcentaxe de persoas tituladas que referiu a existencia dalgún caso de contaxio na empresa ou no seu ambiente de traballo.
- Impacto social da segunda onda da pandemia de Covid-19 no ámbito laboral, analizando a situación socio-laboral en decembro de 2020; isto é, no momento do final da segunda onda, ben como as variacións experimentadas polas taxas de ocupación e desemprego.
- Impacto da crise por Covid-19 no modo de traballo; isto é, a modalidade de traballo das persoas tituladas durante a segunda onda.
- Implantación do Teletraballo con valoración da súa potencialidade, factores propiciadores, tempo desexado, vantaxes, inconvenientes e habitabilidade das vivendas.
- Percepción das persoas tituladas da UVigo que participaron na enquisa sobre o emprego e a economía.