Estudo sobre o impacto laboral da actual crise por COVID-19 nas persoas tituladas da UVigo

Este estudo, realizado polo Observatorio de Persoas tituladas coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, ten por obxectivo avaliar o impacto laboral da primeira onda da pandemia de COVID-19 no colectivo alumni dunha universidade pública.

O traballo de campo realizouse entre os días 25 de maio e 8 de xullo e nel participaron 3217 persoas tituladas (de múltiplas promocións e titulacións) que responderon unha enquisa en liña que estaba aloxada na web do Observatorio e que foi tamén encamiñada de xeito masivo por correo electrónico aos contactos que fan parte da súa Base de Datos.

O estudo, pioneiro no sistema universitario galego e español, aborda o impacto da actual crise por COVID-19 desde tres perspectivas:

  • Sanitaria: Porcentaxe de persoas que referiron a existencia dalgún caso de contaxio por COVID-19 na empresa en que traballan ou no seu ambiente laboral
  • Laboral: Incidencia nas taxas de ocupación e de desemprego das persoas tituladas
  • Modo de traballo: Medidas organizativas tomadas polas empresas/entidades para continuar a súa actividade

 

Impacto sanitario

O 34,3% das persoas que participaron no estudo referiu a existencia dalgún caso de contaxio por COVID-19 no seu ambiente de traballo. Este impacto en Galicia foi do 28,4%, moi inferior ao rexistrado polas persoas tituladas que traballan noutras comunidades autónomas (58%) e no resto do mundo (44,8%).

Por rama de actividade, a maior incidencia deuse no ámbito público (43,7%) e os sectores económicos máis afectados foron o sanitario (70,8), banca e seguros (57,1%) e aeroespacial (53,8%).

Impacto laboral

Para avaliar o impacto laboral determinouse a situación socio-laboral de cada unha das persoas inquiridas no momento previo á crise por COVID-19 (marzo de 2020) e no momento de responder a enquisa.

A inmensa maioría (85,9%) segue no mesmo emprego/actividade que tiña antes do inicio da pandemia. Un 5% perdeu o traballo que tiña durante esta crise; o 4,3% xa estaba desempregado; un 3% segue na mesma situación anterior (estudante, xubilado/pensionista, prepara oposicións,…); un 1,2% mudou de emprego e só o 0,6% encontrou emprego no período avaliado.

A ocupación experimentou unha diminución do 4,88%, pasando dunha taxa de actividade do 92,2% no momento anterior á crise a un 87,7% no momento de responder.

A crise xerada pola COVID-19 provocou un aumento da taxa de desemprego, pasando dun 4,7% en marzo a un 9,3% en xuño.

As principais causas referidas polos que perderon o seu emprego foron a finalización de contrato (46,2%), seguida pola suspensión da actividade profesional (33,%) e os despedimentos (8,8%); no entanto, a metade espera recuperar o emprego perdido.

Impacto no modo de traballo

Antes da actual crise sanitaria, a maioría das persoas tituladas da Universidade de Vigo (60,8%) carecía de experiencia previa na realización do teletraballo ou traballo remoto, mais a situación mudou radicalmente co confinamento, chegando este modo de traballo ao 54% dos titulados/as que participaron neste estudo de inserción laboral.

Un 5,7% de persoas tituladas estivo en ERTE. Este baixo nivel está ligado fundamentalmente ao sector económico no que traballan (sobre todo docencia, administración pública, sanitario) e, por outro lado, á súa categoría profesional, xa que a maioría traballa como técnico/a cualificado/a (61,8%), mandos intermedios (20,6%) e directivos/as (11,9%) e apenas un 5,7% son empregados/as sen cualificación. Alén disto, tamén inflúe a área na que traballan, destacando -das 17 áreas avaliadas- a formación e ensino (16%), administración e finanzas (12%) e servizos (9,4%).

Directivos/as e mandos intermedios foron inquiridos tamén sobre as medidas que tiveron que tomar para encarar a pandemia nas súas organizacións. Entre as principais accións adoptadas destacaron aplicar o teletraballo/traballo remoto (82,6%), seguida pola restrición de viaxes e reunións presenciais (56,7%), intensificar a seguridade e hixiene (55,7%), flexibilidade de horarios e quendas do persoal (50,4%) e medidas formativas e informativas (48,2%).