O Observatorio de Persoas Tituladas participa na XX edición do FORO TECNOLÓXICO DE EMPREGO

Do 4 ao 6 de marzo o Observatorio de Persoas Tituladas estará presente durante a celebración dunha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego que se celebra nas escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial.

Esta edición, a número XX, chega repleta de novidades, pero co mesmo obxectivo co que naceu hai vinte anos: abrirlle as portas ao mundo laboral ás persoas recén tituladas e ao alumnado das titulacións da rama tecnolóxica e axudalos a orientar a súa inserción profesional.

O XX Foro Tecnolóxico de Emprego é un evento organizado por e para o propio alumnado co apoio da Universidade, as Escolas, os Colexios Oficiais e outras institucións públicas e privadas. Segundo a Coordinadora Xeral do Foro, Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, “un ano máis queremos ofrecerlle a estes estudantes a posibilidade de relacionarse con diferentes empresas do sector, entregar o seu currículo, ensinarlle os mellores xeitos de afrontar unha entrevista de traballo ou como deixar a un lado o medo de mergullarse no mundo laboral”.

Na edición anterior recolléronse 1500 currículos e este ano está confirmada a participación de 40 empresas e varias novidades, como un obradoiro para encarar unha entrevista de traballo e outras actividades con información variada sobre os distintos procesos de selección e recrutamento de persoal das empresas. Alén diso, as temáticas das conferencias e ateliers deste ano foron escollidas polo alumnado das escolas e a recolla dos currículos fíxose en liña para axilizar o proceso.

Como órgano de participación e colaboración entre a sociedade e a universidade que impulsa o desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia, o Consello Social da UVigo, máis unha vez, é un dos patrocinadores da XX edición.

Para o Observatorio de Persoas Tituladas a programación prevista interesa ás persoas recén tituladas e ao alumnado de últimos cursos en aspectos como conseguir o primeiro contacto con grandes marcas e empresas do sector comprometidas co talento e o coñecemento, habilidades para a inserción laboral, coaching ou a fomentar o networking e o mentoring.

As persoas que se acheguen ao noso posto poderán coñecer de primeira man tanto os informes de inserción laboral elaborados polo Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo como a campaña “CONECTADOS” e as dúas principais iniciativas que estamos a desenvolver. A primeira delas, destinada a aumentar o número de Antigos Estudantes que se sumen á Rede de Persoas Tituladas que estamos a configurar. A segunda, a realización dunha enquisa de inserción laboral ás promocións que completaron os seus estudos nos cursos 2015/2016, 2016/2017 e 2017/2018 seguindo o modelo dos estudos publicados.

Na Web do Foro pódese encontrar toda a información para participar, subir o CV consultar as empresas participantes este ano, o horario, os relatores, información sobre as diferentes conferencias, workshops e exposicións que estarán no Foro, o mapa dos stands (repartidos no hall de Minas e de Industriais), ben como os membros que fan posible o evento.

A realización deste evento é unha oportunidade para coñecer toda a oferta de grao, mestrados e programas de posgrao das escolas de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría de Telecomunicación.