Enquisas de inserción laboral curso 2021/2022

O Observatorio de Persoas Tituladas, co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, lanza as enquisas de inserción laboral á promoción de titulados/as que acabaron os seus estudos de grao e mestrado no curso 2021/2022

A partir do 30 de abril de 2024 e durante un mes permanecerá aberto o prazo para realizar as enquisas de inserción laboral das persoas tituladas da UVigo que acabaron un grao ou un mestrado no curso 2021/2022.

Acceso ás enquisas

De que vai a enquisa?
Preparamos un vídeo-resumo de menos de 3 minutos de duración en que se adiantan as preguntas da enquisa.

Por que precisamente agora?

Superados 18 meses da finalización dos estudos de Grao ou Mestrado é chegado o momento de avaliar a inserción laboral do título obtido polos titulados/as na promoción de 2021/2022.

Con esta enquisa desde o Observatorio queremos saber como foi a empregabilidade dos antigos estudantes: se traballan ou non, canto tempo tardaron en encontrar emprego, se o seu posto de traballo está relacionado cos estudos realizados ou se, polo contrario, procuran emprego, continúan a estudar ou preparan oposicións.

Para que serven estas enquisas?

Estas enquisas xogan un papel importante en varios aspectos:

  • Coñecer a empregabilidade dos antigos estudantes no momento actual
  • Medir a satisfacción coa formación universitaria recibida
  • Avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados
  • Contar con información útil de cara a mellora dos planos de estudos

Onde se poden ver os resultados?

Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados son publicados na web do Observatorio e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria.

Moi importante!

  • A enquisa é anónima: non son requiridos nome nin apelidos
  • Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio segundo o RGPD
  • O tratamento estatístico das respostas, realizado baixo a dirección do profesor Luis Espada, garante a absoluta confidencialidade
  • Conforme á Lei, as persoas tituladas participantes dispoñen do dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a todo dato que as afectar