Análise comparativa dos fluxos da actividade económica durante o ano 2021 das persoas tituladas da UVigo e da poboación galega

O Observatorio de Persoas Tituladas aborda unha comparativa das transicións brutas entre as situacións de ocupación, desemprego e inactividade dos antigos estudantes da UVigo e a poboación galega de 16 e máis anos a 1 de setembro de 2021 a respecto do 1 de xaneiro de 2021.

No ano 2022 o Observatorio de Persoas Tituladas, co apoio e colaboración do Consello Social da UVigo, publicou un estudo sobre o impacto laboral da pandemia de Covid-19 durante o ano 2021 nas persoas tituladas da UVigo, abranxendo estudos de ciclo (extinguidos), grao, mestrado e doutoramento desde a creación da universidade até o momento actual.

A investigación realizada, cuxo traballo de campo decorreu entre setembro e decembro de 2021, consistiu nunha enquisa de inserción laboral aplicada a unha mostra representativa de 2530 antigos estudantes da UVigo de todas as promocións. O estudo abordou as mudanzas operadas na situación profesional das persoas inquiridas entre o 1/1/2021 e o 1/9/2021.

O informe final de resultados achega datos das principais categorías ligadas ao mercado de traballo (poboación ocupada, desempregada, activa e inactiva) e permite detectar as súas tendencias segundo diversas características.

Alén diso, as estatísticas de fluxos da poboación activa publicadas trimestralmente polo IGE-INE na Enquisa de Poboación Activa (EPA) constitúen unha fonte de información que permite abordar unha análise comparativa das principais categorías do mercado de traballo das persoas tituladas da UVigo residentes en Galicia coas da poboación galega correspondentes ao cuarto trimestre de 2020 e o terceiro trimestre de 2021.

Así sendo, a efectos de análise incluíuse entre paréntese recto “[ , ]” os datos correspondentes á situación do mercado en Galicia, o que facilita a comparativa entre os fluxos da actividade económica dos antigos estudantes da UVigo e da poboación galega de 16 ou máis anos.

Poboación activa

A 1 de setembro de 2021 a taxa de actividade das persoas tituladas da UVigo situouse no 96,8% [52,9%]. Con respecto a 1 de xaneiro do mesmo ano, a taxa de actividade experimentou unha variación absoluta de +1,4 puntos porcentuais (pp) [+0,6 pp].

Por sexo, a taxa de actividade masculina aumentou 0,9 pp [1,0 pp], situándose no 97,8% [57,9%]. A taxa de actividade feminina aumentou 1,7 pp [0,3 pp], situándose en 96,1% [48,4%].

Poboación ocupada

No período avaliado a taxa de ocupación dos antigos estudantes da UVigo aumentou 0,7 pp [1,3 pp] até alcanzar o 89,1% [47,5%]. Por sexo, aumentou máis a taxa de ocupación masculina (1,4 pp) que a feminina (0,4 pp) [1,3 pp ambas].

Poboación asalariada

En xaneiro de 2021 o 89,5% do antigo alumnado UVigo ocupado traballaba por conta allea [80,6%].

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariadas, situábase nesa altura no 22,6% [24,3%]. Por sexo a eventualidade laboral afectaba máis ás mulleres (25,1%) [25,8%] que aos homes (18,8%) [22,8%].

Poboación desempregada

A taxa de desemprego entre xaneiro e setembro de 2021 aumentou 0,5 pp entre as persoas tituladas da UVigo até alcanzar 7,9%. Por sexo, houbo unha tendencia oposta entre homes (-0,6 pp) e mulleres (+1,2 pp) até situarse a taxa de desemprego no 5,4% e 9,6%, respectivamente.

En setembro de 2021 a taxa de desemprego en Galicia diminuíu 1,5 pp e situouse no 10,2%. Por sexo, no período avaliado diminuíu máis o desemprego feminino (-2,1 pp) que o masculino (-0,8 pp), situándose no 11,1% e 9,5%, respectivamente.

Categorías do mercado de traballo

Variación das categorías do mercado de traballo en setembro de 2021 a respecto de xaneiro de 2021

Categorías do mercado de traballo segundo o sexo

Provincias

A taxa de ocupación das persoas tituladas da UVigo en setembro de 2021 era máis alta en Ourense (92,2%) e Lugo (91,4%) contra a mínima de Pontevedra (87,9%), rexistrando o antigo alumnado residente nesta división territorial as taxas de desemprego e inactividade máis altas (8,8% e 3,6%, respectivamente).

A taxa de ocupación nesa altura era maior na Coruña e Lugo (48,5% ambas) contra a mínima en Ourense, onde a maioría da poboación (51,4%) era inactiva.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (con poboación superior a 50.000 habitantes), obsérvase que en setembro de 2021 as taxas de ocupación máis altas de alumni UVigo rexistráronse nas cidades de Lugo e Ferrol (91,7% ambas) e na Coruña e Ourense (90,5% ambas) contra a menor en Santiago de Compostela (84,9%). A taxa de desemprego flutuaba entre a máxima de Vigo (8,4%), Ferrol e Lugo (8,3% ambas) e a mínima de 6,5% en Ourense.

Das cidades galegas, Santiago de Compostela e Lugo presentaban en setembro de 2021 as maiores taxas de ocupación (54,6% e 53,2%, respectivamente). Ferrol era o concello coa menor taxa de ocupación (42,2%). No tocante ás taxas de desemprego, neste período Santiago de Compostela é o concello dentre os sete grandes con menor valor (5,3%) e Pontevedra presenta a taxa de desemprego máis elevada (15,6%).