SONUVigo falou co Observatorio sobre a macroenquisa a antigos estudantes

María del Carmen Echevarría, a xornalista que conduce o podcast SONUVigo, contactou connosco para falar sobre o macroestudo que estamos a realizar ás 35 promocións de antigos estudantes graduados entre os curso 1989/1990 e 2023/2024.

A entrevista vén de ser publicada no episodio nº6 correspondente ao mes de abril do espazo radiofónico informativo da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Clica na seguinte ligazón para ouvires (a partir de 29:25).

A seguir transcribimos o contido da conversa que mantivemos coa xefa do Gabinete de Prensa da UVigo:

Comezábamos este episodio centrándonos na oferta de titulacións da UVigo, uns títulos que son en moitos casos son a porta de entrada do alumnado na universidade que anos despois abandonarán para incorporarse ao mercado de traballo.

Coñecer a situación de empregabilidade das e dos titulados en estudos oficiais da UVigo entre os anos 1990 e 2024 é o obxectivo da macroenquisa que ten marcha o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo e á que están convidadas a participar perto de 118.000 persoas que saíron das aulas desde a segregación da USC no ano 1990.

Trátase, como explica Víctor Manuel Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio, da maior enquisa en canto ao número de persoas enquisadas da súa historia.

Trátase de obtermos unha serie de indicadores que permitan facer unha análise comparativa co contexto profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo.

Se atendésemos ao número de destinatarios, unhas 117.846 persoas, estaríamos perante a nosa maior enquisa. No entanto, pola duración do traballo de campo, a maior foi a do Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da UVigo entre 1990 e 2015.

O estudo busca analisar o perfil académico dos antigos estudantes, a súa situación laboral a 1 de xaneiro do ano 2025, as características do seu emprego, a valoración que fan do seu traballo, a satisfacción co itinerario académico realizado e co cumprimento das expectativas en relación co ensino superior, así como a súa valoración da inserción laboral.

Pero, cales son as expectativas de participación que teñen os seus impulsores?

Desde que se lanza unha actividade como esta é unha incógnita a participación esperada. Porén, contamos con suficiente experiencia neste tipo de enquisas. Dito isto, o noso obxectivo é conseguir unha mostra global que sexa representativa desas máis de 117 mil persoas e que sexa o máis precisa posible.

Traballos destas características fan da UVigo a única institución académica galega en contar, por exemplo, con datos sobre mobilidade xeográfica e emigración dos seus e das súas egresadas.

Grazas a que o Consello Social ven apostando en analizar a empregabilidade dos antigos estudantes, a UVigo é a única universidade galega que conta con datos sobre a emigración e mobilidade xeográfica dos seus egresados. Isto foi destacado polo Foro Económico de Galicia que, para facer o seu estudo sobre a fuga de talento, constatou que éramos a única que contaba con esa información a partir dos traballos realizados polo Observatorio desde o ano 2015.

A enquisa está aberta mentres dure todo o traballo de campo, estimado durante os meses de marzo e abril.

Unha vez finalizada a macroenquisa que está a realizar o Observatorio de Persoas Tituladas teremos unha visión máis exacta da situación de empregabilidade de miles de estudantes que unha vez pasaron polas aulas da UVigo e probablemente nalgúns casos decidisen apostar por emprender como saída laboral.

Se estudaches na UVigo entre os anos 1990 e 2024 estás convidado e convidada a participar.

Para iso, basta con completar o formulario para comezar a responder e contarnos como foi a túa experiencia académica e profesional.