Estudo sobre o impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo

O obxectivo principal deste Informe é determinar o impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo, independentemente da promoción académica, titulación, lugar de residencia ou de traballo.

Pioneiro no sistema universitario galego e español, incorpora unha análise contextual sobre a irrupción e incidencia da pandemia causada polo virus Sars-CoV-2 (coronavirus) no contexto global, especialmente a nivel europeo, estatal e galego.

O estudo estrutúrase en tres partes diferenciadas e inter-relacionadas:

  • O Corpo Diplomático da UVigo
  • Impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo
  • Análise dos resultados da enquisa sobre o impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo

Resumo do informe

Resumo executivo (PDF, 300 KB)

 
Corpo Diplomático da UVigo
Por países e seguindo unha secuenciación cronolóxica, móstranse as diferentes crónicas recibidas polo Observatorio das persoas tituladas da UVigo entre 1990-2015 sobre a súa experiencia persoal e profesional nos países estranxeiros de destino.

Impacto laboral da primeira onda da pandemia de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo
É definida a metodoloxía utilizada, incluíndo todas as informacións sobre a execución da enquisa aplicada sobre o impacto laboral da primeira onda de Covid-19 nas persoas tituladas da UVigo.

Análise dos resultados da enquisa
Son analizados pormenorizadamente os resultados da enquisa autoaplicada, expresados a partir de 231 cadros, 155 anexos e múltiplos comentarios. Inclúe unha avaliación detallada das respostas en función de diferentes variábeis de segmentación, entre as cales, o xénero, ámbito académico, tipoloxía de estudos, evolución temporal ou campus.

 
A presentación dos resultados está estruturada en sete apartados:

  • Caracterización da mostra obtida a partir da elaboración dun perfil das persoas tituladas en función dos datos de tipo persoal e académico.
  • Avaliación da situación socio-laboral previa á irrupción da primeira onda da pandemia de Covid-19 en marzo de 2020.
  • Características do posto de traballo previo á irrupción da pandemia en función de variábeis como o lugar de traballo, modalidade de contratación e tipo de contrato, rama de actividade, sector económico, área funcional, categoría profesional ou o tamaño da empresa.
  • Impacto sanitario da pandemia no ámbito laboral a partir da porcentaxe de persoas tituladas que referiu a existencia dalgún caso de contaxio na empresa ou no seu entorno de traballo.
  • Impacto social da primeira onda da pandemia de Covid-19 no ámbito laboral, analizando a situación socio-laboral actual; isto é, no momento de responder a enquisa, ben como as variacións experimentadas polas taxas de ocupación e desemprego.
  • Impacto da crise por Covid-19 no modo de traballo; isto é, a modalidade de traballo das persoas tituladas durante o primeiro confinamento, a experiencia previa no teletraballo/traballo remoto e unha análise das medidas organizativas tomadas por directivos/as e mandos intermedios no seo das empresas/organizacións para evitar os contaxios.
  • Percepción das persoas tituladas da UVigo que participaron na enquisa sobre o emprego e a economía.