Nos seus trinta anos de historia, na UVigo foron impartidas un total de 101 titulacións entre ciclos (diplomaturas, enxeñarías técnicas, licenciaturas e enxeñarías superiores) e graos pertencentes aos ámbitos das Artes e Humanidades (17), Ciencias da Saúde (4), Científico (11), Tecnolóxico (28) e Xurídico-Social (40).
Este estudo, realizado coa colaboración do Consello Social e que complementa un traballo anterior Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da UVigo (1990-2015), concéntrase en dúas temáticas:
- As necesidades formativas complementarias de especialización profesional demandadas polas persoas tituladas na súa incorporación ao mercado de traballo.
- As materias en que están especializadas as persoas tituladas polas súas experiencias profesionais e que poden ser susceptibles de transmisión á docencia universitaria.
Resultados
O estudo recolle, para cada unha das 100 titulacións impartidas pola UVigo entre 1990-2015, os resultados globais, por xéneros e por quinquenios das necesidades formativas complementarias e da especialización profesional transmisible.
En función das respostas obtidas polas 10.748 persoas tituladas que participaron neste estudo, estas pódense clasificar en tres categorías:
- Competencias técnicas/duras (hard skills): Son habilidades cuantificables en función do currículo académico, pois son adquiridas nas aulas e específicas para cada área de coñecemento.
- Competencias brandas (soft skills): Un conxunto de habilidades relacionadas coa intelixencia emocional das persoas tituladas e, en consecuencia, subxectivas e interpersoais, adquiridas a partir da experiencia persoal durante o exercicio profesional; entre as cales, a motivación, comunicación, resolución de problemas, creatividade, empatía, resiliencia, liderado, traballo en equipo…
- Competencias multidisciplinarias: Habilidades comúns presentes en diferentes titulacións e ramas académicas. Foron consideradas: administración de empresas, emprendemento, formación e orientación laboral, idiomas, informática, matemáticas, novas tecnoloxías e prácticas en empresas.
Fichas das titulacións
O estudo tamén incorpora unha ficha de cada unha das 100 titulacións, con informacións sobre:
- Vixencia: período comprendido entre a primeira e a última promoción (se proceder)
- Campus universitario: Ourense, Pontevedra e Vigo
- Distribución por xéneros
- Formación de posgrao
- Titulación universitaria adicional completada
- Situación socio-laboral actual
- Taxa de ocupación
No tocante ao emprego das persoas que traballan cada ficha mostra:
- Lugar de traballo
- Rama de actividade
- Sector económico
- Área funcional de traballo (departamento)
- Categoría profesional
- Tamaño da empresa
Alén diso, tamén inclúe a relación existente entre o posto de traballo actual e os estudos realizados, ben como a existente entre as exixencias deste e o nivel académico adquirido na UVigo.
Trátase dunha obra de consulta directa que axuda a:
- Identificar as materias nas que a UVigo debería ofertar unha maior ou más ampla formación para satisfacer as necesidades de especialización profesional do antigo alumnado.
- Coñecer as temáticas que dominan no seu ámbito profesional e que poderían trasladar, como colaboración docente, coa súa participación en cursos, conferencias e/ou seminarios.