Tiven a honra de ser o primeiro reitor da Universidade de Vigo e, por tanto, de pór en marcha esta institución académica do ensino superior no ano 1989. Posteriormente, o positivo labor dos reitores que me sucederon na súa dirección, José Antonio Rodríguez, Domingo Docampo, Alberto Gago, Salustiano Mato e o actual, Manuel Joaquín Reigosa, fixeron posible a súa consolidación.
No entanto, inevitablemente e por razóns de tempo, ata a posta en marcha do Observatorio de Persoas Tituladas no ano 2016, había unha materia pendente relacionada coa opinión sobre o seu paso pola Universidade de Vigo dos titulados e tituladas que se foron incorporando ás súas tarefas profesionais no mercado de traballo.
Dito doutro xeito e facendo unha comparación coa fabricación de automóbiles, da mesma forma que resultaría incomprensible que un fabricante non fixese un seguimento dun determinado modelo de vehículo saído ao mercado, no caso das persoas tituladas resulta lóxico que a universidade emisora do título se interese nalgún momento pola experiencia académica e profesional do seu antigo estudantado.
Con este fin, o Observatorio de Persoas Tituladas pola Universidade de Vigo, coa colaboración do Consello Social, propúxose como primeira actividade contactar, a través dunha macro enquisa, con todas as persoas tituladas non só para localizalas e identificalas, senón para analizar a súa inserción laboral no período comprendido entre o inicio da súa actividade no curso 1989/90 ata o curso 2014/15, isto é, os 25 primeiros anos de vida da institución.
Este proxecto, de interese académico e docente, permitiu a realización do estudo 71 487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica en que, por primeira vez, se dá a coñecer tanto o número de títulos emitidos como o de persoas tituladas neste período.
Posteriormente, o Observatorio publicaba o informe Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015), pioneiro por abarcar a inserción laboral de todas as promocións dunha universidade. Nel abórdase a especialización profesional das persoas tituladas, a súa formación académica e as características do seu emprego actual, así como se avalía a relación existente entre as esixencias do mercado de traballo e a formación recibida, de maneira que se proporcionan informacións relevantes sobre a empregabilidade dos universitarios/as e as súas necesidades.
Grazas a esta actividade, o Observatorio de Persoas Tituladas pola Universidade de Vigo conta hoxe cunha base de datos na que se dispón información actualizada e fiable de máis de 12 000 titulados e tituladas que será moi útil para a toma de decisións no ámbito da universidade, pois permite coñecer o grao de dispoñibilidade deste colectivo para colaborar coa institución académica para informar e transmitir a súa experiencia profesional nas actividades de tipo académico e/ou social que se organicen.
Coa creación deste espazo web, o Observatorio dá un paso máis na súa misión de contribuír a estreitar e ampliar a ligazón entre a Universidade de Vigo e o antigo estudantado. Espero que sexa unha ferramenta áxil e útil que fomente, favoreza e manteña a vinculación constante con todas as xeracións de persoas tituladas e reforce a pertenza que todo titulado e titulada debe ter coa súa alma mater.
Luís Espada Recarey
Director do Observatorio de Persoas Tituladas