A partir da información actualizada do Instituto Galego de Estatística o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo descobre neste artigo o número de persoas tituladas en estudos oficiais de grao desde a primeira promoción de graduados/as (2005-2009) até o ano 2022
O IGE vén de publicar a partir de informacións fornecidas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, os datos actualizados sobre as persoas tituladas en estudos de grao nas universidades galegas.
Os datos poden ser desagregados por universidades, campus, estudos oficiais de grao e anos, o que permite determinar o alumnado titulado da UVigo entre a primeira promoción de persoas graduadas no ano 2009 e 2022. Segundo o nomenclátor aplicado polo IGE os datos dun ano correspóndense cos do curso académico que acaba nese ano.
Número total de persoas graduadas
No período avaliado saíu da UVigo un total de 25.588 persoas cun título de grao, o que representa o 31,2% das persoas graduadas nas tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG).
Por campus, case a metade de persoas graduadas da UVigo (46,5%) realizou os estudos oficiais de grao no Campus de Vigo, seguido polo de Pontevedra (28,7%) e Ourense (24,8%).
Por ramas de coñecemento unha maioría de 50,9% realizou estudos en Ciencias Sociais e Xurídicas, seguidos, a máis distancia, pola Tecnolóxica (20,4%), Artes e Humanidades (11,4%) e Ciencias da Saúde (10,8%) e, en menor proporción, na Científica (6,5%).
O seguinte cadro mostra a distribución porcentual das persoas graduadas da UVigo segundo a rama de coñecemento por anos.
Por titulacións, o seguinte cadro mostra a distribución de persoas tituladas por curso académico e o total no período avaliado (2009-2022).
Os estudos de grao con máis persoas incorporadas ao mercado de traballo son Administración e Dirección de Empresas (8,72%), Enfermaría (8,21%), Educación Infantil (7,89%) e Educación Primaria (7,88%), seguidos por Enxeñaría Mecánica (5,19%) e Belas Artes (4,95%). Con menos do 4% áchanse os estudos de grao en Dereito (3,81%), Tradución e Interpretación (3,74%), Publicidade e Relacións Públicas (3,62%) e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (3,37%).
Segundo o número medio de persoas graduadas no período avaliado destacan os estudos de grao en Educación Infantil (183,55), Administración e Dirección de Empresas (171,62), Educación Primaria (168,00), Enfermaría (161,69) e Enxeñaría Mecánica (132,70) seguidos por Belas Artes (90,43), Dereito (88,73), Tradución e Interpretación (87,09), Publicidade e Relacións Públicas (84,18) e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (78,36).
Implantación dos estudos de grao na UVigo
A partir do ano 2005 o proceso de implantación dos estudos de grao na UVigo foi gradual, incorporándose ao mercado de traballo a primeira promoción de persoas graduadas no ano 2009 (Belas Artes, Dirección e Xestión Pública e en Fisioterapia). En 2010 incorporáronse as primeiras promocións persoas tituladas en tres estudos de grao (Administración e Dirección de Empresas, Economía e Enfermaría), ben como no ano 2011 (Enxeñaría Informática, Relacións Laborais e Recursos Humanos e en Turismo). Con 18 e 12 novas titulacións de grao plenamente implantadas, os anos 2012 e 2013 marcaron o máximo do proceso de implantación ao EEES na UVigo. Logo seguiría a implantación dun título en 2015 (Ciencias da Linguaxe), 2018 (Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios) e en 2019 (PCEO en Administración e Dirección de Empresas/Dereito), dous en 2020 (Enxeñaría Aeroespacial e o PCEO en Administración e Dirección de Empresas/Enxeñaría Informática) e un en 2022 (Enxeñaría Biomédica).
Paralelamente á implantación dos estudos de grao foise producindo a extinción dos estudos de ciclo (diplomaturas, enxeñarías técnicas, enxeñarías e licenciaturas), pasando do 95,7% e 3086 persoas tituladas en 2009 á súa total extinción no curso 2017/2018. Así sendo, durante nove anos a proporción de persoas tituladas en estudos de ciclo seguiu a seguinte distribución: 3086 persoas tituladas (95,7%) en 2009, 3029 (92,7%) en 2010, 3075 (91,8%) en 2011, 2353 (68,6%) en 2012, 1729 (48,6%) en 2013, 1220 (36,8%) en 2015, 922 (28,0%) en 2015, 513 (17,8%) en 2016 e 516 (17,7%) en 2017.
Evolución interanual
Por anos, a nivel xeral o número de persoas tituladas da UVigo en estudos de grao mostra unha tendencia crecente entre o ano 2009 (138) e 2020 (máximo de 2875), curso a partir do cal se detecta unha leve diminución no número de graduados/as (os rexistros dos anos 2021 e 2022, 2535 e 2578, respectivamente, superan os 2408 producidos en 2019). Culminado o proceso de adaptación da UVigo á Reforma de Boloña, a evolución do número de títulos de grao emitidos experimentou unha tendencia constante entre os cursos 2014/2015 (2369) e 2018/2019 (2408).
Por porcentaxes, e consoante o proceso de implantación inicial dos estudos de grao, destacan os crecementos experimentados nas primeiras promocións (máximos de 292,0% no curso 2011/2012, 73,19% en 2009/2010 e 69,39% en 2012/2013) contra os mínimos nos cursos 2020/2021 (-11,83%) e 2015/2016 (-0,08%) e o estancamento nos cursos 2018/2019 (0,08%) e 2017/2018 (0,25%). No último curso avaliado (2021/2022) produciuse un crecemento de 1,70% a respecto de 2020/2021