En 2007 o 60% dos novos titulados e tituladas da Universidade de Vigo atopou traballo en menos de tres meses

Cada ano saen da Universidade de Vigo unha media de 3000 novos titulados e tituladas, 3000 cidadáns formados “cun importante investimento de recursos públicos” que precisan saber o que se van atopar ao chegar ao mercado laboral. Coñecer esa realidade é un dos obxectivos do libro Estudo sobre a experiencia académica e profesional das persoas tituladas da Universidade de Vigo, un informe de Luis Espada e Víctor Martínez Cacharrón que recolle o grao de inserción laboral dos egresados que remataron nos anos 2006 e 2007, dando resposta a unha das “materias pendentes” da institución e permitindo crear un test de calidade, posibilidades e utilidade despois dunha “experiencia laboral xa madura”. E os resultados son moi bos.

O 60% dos que saían das aulas viguesas atopaban traballo en menos de tres meses, dez puntos por riba da media galega, aínda que nun contexto no que o panorama económico que tiñan por diante os case 1200 tituladas e titulados enquisados contaba coa taxa de desemprego máis baixa de toda a historia de España (8%). O cómputo xeral deixa oito de cada 10 egresados da Universidade de Vigo conseguindo o seu primeiro emprego en menos dun ano. “E vemos que hai un nivel de estabilidade importante a pesar da crise que comezou en 2007, xa que van pasando os anos e actualmente aínda teñen traballo o 73,6% dos nosos ex alumnos e alumnas”, explica o reitor, Salustiano Mato.

Ler a nova completa no DUVI