Cando o Consello Social da UVigo puxo en marcha o Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo fixámonos como primeiro obxectivo localizar os antigos estudantes saídos das aulas da nosa alma mater. Con ese fin, entre maio de 2016 e febreiro de 2017, enviamos 40.797 cartas postais e 44.030 correos electrónicos aos antigos alumnos que obtiveran o título entre as promocións de 1989/90 e 2014/15. A partir deste traballo foi elaborado o Estudo sobre a situación profesional das persoas tituladas da UVigo (1990-2015), un macroestudo que permitiu coñecer como foron as traxectorias profesionais das promocións saídas nos primeiros 25 anos de historia da nosa universidade.
Grazas a aquel e a outros estudos, a UVigo é a única universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que conta con información sobre a inserción laboral e a mobilidade dos estudantes egresados. Pola súa vez, en 2018 no Observatorio púñamos en marcha unha Base de Datos de Persoas Tituladas cos contactos dos antigos alumnos que deran o seu consentimento a recibir comunicacións do Observatorio sobre as actividades propias e da UVigo que podían ser do seu interese.
Porén, a entrada en vigor, o 25/5/2018, do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) modificou drasticamente a metodoloxía de traballo do Observatorio. Se até entón para a realización dos estudos sobre a inserción laboral bastaba co acceso autorizado aos listados de antigos estudantes para contactar con eles, o cumprimento do RGPD exixía un consentimento previo por parte dos destinatarios.
Por ese motivo, estableceuse unha colaboración entre o Observatorio e a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria dirixida por Dª. Natalia Caparrini Marín. En consecuencia, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria implementou un Documento de Consentimento destinado aos recén titulados para que, unha vez completados os estudos e no momento de solicitar o título académico, desen o consentimento expreso para formar parte da Base de Datos de Persoas Tituladas do Observatorio e cedesen os seus datos de contacto tanto de forma presencial como telemática.
En 2019 foi creada esta Páxina Web do Observatorio, habilitando un formulario de alta onde as persoas tituladas que así o desexan poden rexistrarse na nosa Base de Datos ou actualizar os seus datos. Alén diso, a Base de Datos foise actualizando e incrementando nos últimos tempos coa participación do antigo alumnado nos tres estudos sobre o impacto laboral da pandemia. Máis recentemente, fruto da referida colaboración coa Vicerreitora Natalia Caparrini, a Base de Datos do Observatorio viuse incrementada con 7838 novos rexistros de titulados/as das promocións de 2018/19 e 2019/20.
Deste xeito, o Observatorio está en disposición de dar continuidade ao seguimento da inserción laboral das novas promocións. Este seguimento da empregabilidade dos titulados/as en títulos de Grao e Mestrado é unha esixencia normativa (RD 1393/2007 e RD 861/2010) imprescindible para a Acreditación/Verificación dos títulos oficiais.
Queremos agradecer a colaboración desinteresada de todos os antigos estudantes que durante todo este tempo están conectados coa UVigo a través do Observatorio.