O Observatorio de Persoas Tituladas pon en marcha un novo estudo sobre o impacto laboral da pandemia

O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, coa colaboración do Consello Social, acaba de pór en marcha un novo proceso de captación de datos para coñecer o impacto laboral da pandemia durante o ano 2021. Nesta ocasión, e a diferenza do anterior estudo, non avalía puntualmente unha onda da pandemia, senón un período máis amplo, que comprende desde o 1 de xaneiro ao 1 de setembro de 2021, “meses nos que se sucederon a terceira, cuarta e quinta ondas e que tamén estivo marcado polo avance do proceso de vacinación contra a covid-19, co fito de termos alcanzado a inmunidade de grupo a finais de agosto”, subliñan desde o observatorio.

A petición dunha parte significativa de persoas tituladas que participaron no estudo sobre o impacto laboral da segunda onda -entre 1 de setembro e o 31 de decembro de 2020-, nesta ocasión o estudo aborda de forma específica a denominada fatiga pandémica, “isto é, como as condicións creadas pola pandemia (confinamentos, contaxios, restricións…) influíron no estado de ánimo das persoas, contribuíndo a aumentar as situacións de ansiedade, estrés…”, explica desde o observatorio Víctor Manuel Martínez Cacharrón. Así, ademais das habituais cuestións sobre taxa de ocupación, desemprego, carga de traballo, ERTEs, impacto nos ingresos, implantación do teletraballo… nesta ocasión as preguntas da enquisa abordan un “aspecto sensible que forma parte dos intanxibles da situación creada pola pandemia”, recalca Martínez Cacharrón, en referencia a que se inclúen preguntas sobre a influencia da pandemia no estado de ánimo.

Alén de abordar a fatiga pandémica, con este estudo busca tamén saber se se confirma unha inflexión detectada nos resultados do estudo sobre o impacto da segunda onda da pandemia no que se produciu unha caída do 7,1% na taxa de desemprego (tamén se dera un aumento da taxa de ocupación). “Durante a primeira onda (marzo-xuño de 2020) a taxa de desemprego aumentara un 97,9% e caera a de ocupación. Pois ben, con esta nova enquisa queremos determinar se esta tendencia se consolida durante o ano 2021 entre os antigos estudantes da UVigo”, engade Luis Espada, director do observatorio.

Ler a nova completa no DUVI