A Universidade de Vigo titulou durante o seu primeiro cuarto de século de existencia (1990-2015) un total de 71.487 persoas e emitiu 82.330 títulos, ao completar máis de 9700 persoas varias titulacións. Así se reflicte no libro 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica, elaborado polo catedrático emérito Luis Espada e o analista de datos o Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Martínez. O volume, publicado polo Consello Social, foi presentado este mediodía polos autores, nun acto no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, incidiron na importancia de contar cun traballo que achega un radiografía precisa do que é a institución, ao tempo que fortalece a relación coas súas egresadas e egresados.
O estudo, que abrangue desde o inicio da Universidade de Vigo no curso 1989-1990 ata o 2014-2015, e que inclúe unha ampla análise por ámbitos académicos, ciclos de estudo e xéneros, así como a evolución e ciclo de vida da oferta académica, ademais de afondar na procedencia das persoas egresadas, confirma que a maioría das persoas tituladas durante os 25 primeiros anos de existencia da institución académica son mulleres, un 61, 7% fronte ao 38,3% de homes e que a maior parte dos títulos emitidos nese período (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías superiores e técnicas, graos, títulos propios e mestrados) corresponden ao ámbito xurídico social (52,6%) , seguido polo tecnolóxico (22,8%) , arte e humanidades (8,2%), ciencias da saúde (7,2%) e científico (6,4%). O volume, presentado hoxe, completarase nuns meses coa publicación doutro estudo centrado na situación académica e profesional das e dos titulados pola institución, que segundo avanzou Espada se atopan distribuídos por 68 países dos cinco continentes, exercendo profesións relacionadas co ámbito dos seus estudos.