Fuga de talento en Galicia

O 2 de decembro o Foro Económico de Galicia presentou en Santiago de Compostela o documento “Fuga de talentos en Galicia: Mito ou realidade?”, elaborado polos profesores Alberto Vaquero García (UVigo) e Sara Fernández López (USC) coa colaboración do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo.

O documento aborda un asunto complexo: a fuga de talento non ten porque ser irreversible e debe ser entendida como un fenómeno propio da economía. Porén, o fenómeno convértese nun problema cando de forma sistemática se renuncia a persoas con alta formación obrigadas a emigrar, como está a acontecer en Galicia.

O traballo inclúe unha batería de simulacións para dispor dalgunha aproximación. Así sendo, a partir dos supostos recollidos no informe, debido ao proceso migratorio, calcúlase que Galicia incorre anualmente nun custo por formar titulados universitarios que emigran, de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (no caso de que os alumnos terminen a carreira en catro anos). Esa cantidade alcanza os 311 millóns, en caso de acabar a carreira en 7 anos.

O informe salienta a grande dificultade detectada polos investigadores: a falta de estatísticas oficiais para lograr cuantificar esta fuga, pois as fontes existentes só permiten unha aproximación moi xeral. Por ese motivo, o Foro Económico de Galicia recorreu aos resultados dos estudos de inserción laboral realizados polo Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo.

O quinto apartado do documento, titulado “La emigración y movilidad geográfica de las persoas tituladas a través del Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo”, desenvolve unha análise destes resultados. Deste xeito, os traballos sobre inserción laboral publicados polo Observatorio de Persoas Tituladas posibilitan un estudo da mobilidade dos estudantes egresados dunha das tres universidades galegas. Porén, os autores lamentan que a UVigo sexa a única universidade que conta con esta información, grazas a que o Consello Social da UVigo ven apostando en analizar esta realidade no antigo alumnado.