Enquisa sobre o impacto laboral da pandemia de Covid-19 durante o ano 2021 nos antigos estudantes da UVigo

Desde o inicio da actual crise por Covid-19 no Observatorio estamos a realizar un seguimento do impacto laboral da pandemia nos antigos estudantes da UVigo.

Nos dous estudos realizados sobre o impacto da primeira e segunda onda da pandemia contamos coa imprescindible colaboración de moitos titulados/as de todas as titulacións, promocións e lugares do mundo.

Agora queremos coñecer o impacto causado pola pandemia durante o ano 2021; isto é, entre o 1 de xaneiro e 1 de setembro deste ano. Neste período decorreron, de forma sucesiva, a terceira (xaneiro-abril), cuarta (abril-xullo) e quinta (desde xullo) ondas da pandemia.

Impacto da fatiga pandémica
Nesta ocasión queremos abordar de forma particular, porque así foi solicitado por moitos antigos alumnos que participaron nos anteriores estudos, o impacto emocional da pandemia, tamén coñecida como fatiga pandémica.

Por iso, deseñamos un cuestionario que inclúe varias preguntas sobre a influencia da pandemia no noso estado de ánimo. Preparamos un vídeo-resumo de 3 minutos de duración onde podes ver as preguntas que vas encontrar na enquisa.

 

Importante

Desde o Observatorio consideramos importante esclarecer que a enquisa non solicita o nome da empresa/entidade en que traballan as persoas tituladas inquiridas. Os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do Observatorio. Ademais, para a análise e tratamento dos datos, as respostas recollidas no formulario non serán asociadas cos únicos datos persoais solicitados (nome, apelidos e enderezo de correo electrónico).

Contamos coa túa participación!!