A instancia do Observatorio de Persoas Tituladas, o “corpo diplomático” da UVigo radiografía a vivencia da COVID-19 a nivel planetario

O Observatorio de Persoas Tituladas creouse co propósito de facer un seguimento dos egresados e egresadas da UVigo e coordinar o relativo ao antigo alumnado. Púxose en marcha tras a aprobación do proxecto polo Consello Social en abril de 2016. Nestes catro anos configurouse como un punto investigador permanente que estuda as traxectorias e situación laboral, e localiza as persoas tituladas desde o ano 1990, cando se fundou a Universidade de Vigo.

Hai algo máis de mes e medio, o Observatorio propuxo unha luminosa iniciativa nos tempos escuros de temores e confinamento: Aló cando a OMS declarou o COVID-19 como pandemia global e antes de que o goberno galego decretase a emerxencia sanitaria o 13 de marzo, o Observatorio solicitou aos antigos e antigas estudantes que viven polo mundo adiante que trasmitisen unha breve crónica ou reporte da súa experiencia persoal nos países de destino en relación á situación creada polo virus.

As respostas comezaron a chegar axiña. En primeiro lugar e por razóns evidentes de Italia, logo do Reino Unido, Alemaña, Portugal, Francia, Suiza, Irlanda, Noruega, Polonia, Albania, Mozambique, Xapón, Illa Reunión… Agardan chegar a facer unha radiografía planetaria cos representantes da rede –o “noso corpo diplomático”– presente en 70 países dos cinco continentes.

Ler a nova completa na Web do Consello Social