Cada ano saen das aulas da Universidade de Vigo uns 3000 titulados e tituladas, egresados cun futuro laboral do que practicamente nada se sabía ata que hai dous anos Luis Espada e Víctor Manuel Martínez embarcáronse na publicación dun estudo sobre experiencia académica e profesional das persoas tituladas da institución académica viguesa. Acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e do catedrático da Universidad Politécnica de Madrid e ex secretario xeral do Consejo de Universidades entre os anos 1995 e 1997, Francisco Michavila, o ex reitor Luis Espada deu conta dos datos máis salientables do estudo centrado nas promocións dos anos 2008 e 2009, así como da comparativa co anterior informe, que abrangue os anos 2006 e 2007.
Do estudo, dado a coñecer hoxe e que foi elaborado a partir de 1203 enquisas realizadas entre maio de 2013 e febreiro de 2014, conclúese que a porcentaxe de persoas tituladas que manifestaron traballar no momento da realización da enquisa é do 73,6%, sendo a taxa dos homes de case o 80% e a de mulleres de case o 69%. En canto ao desemprego, este afecta ao 22,6% dos titulados e tituladas , unha cifra inferior á da do paro que afecta á poboación española e galega, ao tempo que cómpre destacar que a proporción de desempregrados do ámbito das humanidades, un 30%, duplica á do tecnolóxico, 14,5%.