Desde o ano 2012, un equipo liderado polo ex-reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada, vén desenvolvendo varios estudos para coñecer o grao de inserción laboral dos egresados e egresadas da institución viguesa. Este proceso culmina agora coa publicación dun terceiro estudo sobre a súa situación profesional, con datos de carácter máis persoal, no que participaron preto de 3000 titulados e tituladas que remataron a súa carreira entre 2005 e 2010. En total, seis promocións de cada unha das titulacións dos tres campus que permiten facer un retrato da situación laboral e crear unha masa crítica de traballo para futuros estudos e colaboracións entre a Universidade e os seus titulados. Os datos recollidos neste estudo amosan que o 85% das persoas tituladas neste período exercen as súas actividades profesionais en Galicia, mentres que un 9,6% teñen a súa residencia no estranxeiro, repartidos en 37 países dos cinco continentes, sendo Reino Unido e Alemaña os estados que máis titulados da Universidade de Vigo acollen. Así o explicou o autor do estudo, Luis Espada, na presentación que tivo lugar este mércores e na que estivo acompañado polo reitor, Salustiano Mato; o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Jaime Aneiros e o co-autor do traballo, Víctor Manuel Martínez Cacharrón. Mato agradeceu ao Consello Social o seu apoio para este estudo, para sacar adiante esta “materia pendente que tiñamos na Universidade de Vigo, tender pontes cos nosos egresados, unha riqueza coa que temos que contar”. Pola súa banda, o concelleiro Jaime Aneiros subliñou a importante capacidade da Universidade para xerar coñecemento e formación, como elemento de cohesión social, pero sobre todo para a translación de profesionais de éxito á sociedade. “Exportamos talento á contorna máis próxima e moitas partes do mundo, e isto é moi importante para unha cidade como Vigo de marcado carácter industrial e produtivo”.
O 10% de persoas tituladas entre 2005 e 2010 traballan en 37 países fóra de España
